“Galicia coa chave dos seus cartos”: Pontón pide ao PPdeG e ao PSdeG que acepten un concerto económico galego

Insiste en que o actual modelo de financiamiento é "discriminatorio" para Galicia e fai "perder miles de millóns de euros cada ano".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/06/2025 | Actualizada ás 13:57

Comparte esta noticia

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, pediu a PP e PSdeG que apoien a iniciativa que os nacionalistas levarán ao pleno esta semana para reformar o Estatuto e que Galicia adopte un sistema de concerto económico co obxectivo de que a Comunidade teña "a chave do seu diñeiro". "Trátase dunha proposta ambiciosa para darlle a Galicia o control do 100% dos nosos recursos, porque queremos ter a chave do diñeiro aquí e non en Madrid", reivindicou Pontón en rolda de prensa.

Así, instou a PP e a PSOE a "abandonar o centralismo financeiro" e a sumarse a esta proposta "de país" para "mellorar a vida dos galegos que, defendeu, "melloraría a sanidade, a educación pública, políticas de vivenda ou atención á dependencia". Todo iso nun contexto no que, segundo a líder do BNG, o actual modelo de financiamiento é "discriminatorio para Galicia", xa que "se perden miles de millóns de euros cada ano". En concreto, detallou que un informe do Consello de Contas advirte de que co actual modelo Galicia "perde moito", apuntou, "nada menos que 13.875 millóns de euros de déficit entre 2009 e 2021".

Ademais, apuntou que desde o punto de vista político tamén é o momento de dar este debate e puxo como exemplo Euskadi ou Navarra, onde "PP e PSOE deféndeno". Nesta liña, sinalou que Cataluña tamén está "a dar pasos para poder conseguilo", polo que considera que Galicia "non pode quedar atrás e ser a única nacionalidade histórica que non avance no control dos seus recursos".

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, e o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, en roldas de prensa
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, e o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, en roldas de prensa | Fonte: BNG - PSDEG



PSDEG NON APOIARÁ A PROPOSTA

Pola súa banda, o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, a preguntas dos medios, avanzou que están en contra do posicionamento dos nacionalistas galegos. "Cremos que o modelo vasco para Galicia é un mal negocio", aseverou para, a continuación, apuntar que Galicia é "unha das comunidades máis beneficiadas polo actual sistema de financiamiento". En todo caso, recoñeceu que é un modelo que debe "mellorarse" pero que "beneficia por encima da media a Galicia", polo que afirmou que adoptar un réxime especial "suporía recadar menos e investir menos".

Nesta liña, insistiu en que Galicia "perdería uns 2.000 millóns anuais co cambio" e sinalou que os socialistas non van contribuír " a abrir unha porta equivocada por unha ambición dun principio soberanista". "Non é un avance, é un retroceso. O intelixente é reforzar Galicia no sistema de financiamiento común. Esa posición é a que debemos defender, fortalecer, mellorala. Non hai bandeira que xustifique empobrecer o país", apuntou.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta