Feijóo, cómodo sendo oposición

O presidente da Xunta aproveita a estrea de Patricia Vilán como nova voceira do PSdeG para mofarse dos socialistas. Tamén achaca aos gobernos do bipartito e ás mareas, AGE, Anova ou Podemos o aumento da pobreza, fronte a súa xestión na que “baixaron os índices por baixo da media do Estado”.

Por Xurxo Salgado | Compostela | 08/06/2016 | Actualizada ás 13:56

Comparte esta noticia

O PPdeG é o partido que goberna en Galicia, pero, escoitando ao seu presidente na Cámara galega, semella que é o partido da oposición ou o partido da oposición da oposición. E é que Alberto Núñez Feijóo ten convertido as sesións de control ao goberno nunha sorte de sesións de control á oposición.

Feijóo na Cámara galega
Feijóo na Cámara galega | Fonte: parlamentodegalicia.es

Precisamente, isto foi o que lle lembrou este martes a nova voceira parlamentaria do PSdeG, Patricia Vilán que se estrenou na Cámara pedindolle a Feijóo que explique o abandono competencial de Galicia nos últimos seis anos.

Pero o presidente, lonxe de aterse á pregunta preferiu facer leña da árbore caída e atacou duramente a recén chegada co argumento dos xornais de cabeceira do PPdeG; o visto e prace este martes á toma en consideración –que non votación-- dunha iniciativa do BNG que pedía un cupo económico semellante ao vasco.

Unha votación que Vilán defendeu, precisamente, como síntoma do diálogo. “Nós queremos que haxa debate, non coma vostedes que non cren na democracia, nin no debate”, espetoulle a Feijóo que insistiu nas súas críticas e minusvaloracións cara aos socialistas. “Isto é un Parlamento e non unha gardería”, dixo, “e no que vai de lexislatura xa houbo tres persoas onde está vostede sentada”.

O “dedo” do PP

E foi máis alá ao chancear con que “agora sentan nas primeiras filas do PSdeG os que antes estaban na última” e lembrou que o seu partido celebrou xa catro congresos provinciais e un autonómico do que saíron os seus dirixentes “E todos a dedo”, díxolle Vilán que lembrou que o novo líder dos socialistas galegos foi elixido polos militantes.

“Vostede está aquí para respostar as preguntas da oposición porque é o presidente da Xunta. É a nós a quen nos toca facer oposición”, insistiu Vilán ante un Feijóo crecido que volvía a arremeter contra a falta de liderato do PSdeG. “E fronte a vostedes nós temos estabilidade, goberno e investimentos”, dixo.

Pero non acabaron a función de oposición de Feijóo. Na quenda de resposta aos voceiros do BNG e de AGE, Ana Pontón e Antón Sánchez, o presidente galego volveu a aproveitar para cargar contra os “nacionalismos residuais que non saben escoitar” e os “de AGE, as mareas, Anova ou Podemos”, dos que dixo que non vai aceptar leccións de política social “nunca”.

As mareas e Chávez

"Galicia necesita políticos que traballen e non políticas que desestabilizar", dixo, ao tempo que criticou o goberno municipal das mareas polas súas políticas sociais e que chegou a comparar, utilizando o argumentario popular, co goberno de Chávez.

Antón Sánchez tivo que lembralle que as mareas "expulsaron democraticamente" ao PP de gobernos que eran "niños de corrupción" e insistiu no "aumento" da pobreza en Galicia, como antes fixera Ana Pontón (BNG). Aos dous, Feijóo replicou esgrimindo que a taxa de pobreza na Comunidade en 2008 era maior que a de 2015, que tamén é inferior á do resto de España.

Uns argumentos que non coinciden cos de Pontón e Sánchez que insistiron na gran bolsa de pobreza que crearon os oito anos de goberno do Partido Popular. Pero, para Feijóo, a pobreza é algo do pasado, da época do bipartito. O seu goberno, repetiu unha e outra vez, “reduciuna e está por baixo da media do Estado”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 fartodelespañol

feijoo que cara de mafioso tienes eres un mi er da

1 xan

é Legal un contrato de alta dirección dando clases particulares sen autorización de función pública?Sábeo medio rural?