Xunta e patronal eólica cren que o decreto sobre o sector eléctrico chega "tarde e mal": "O día que vencían varios proxectos"

A conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, agarda que o Ministerio non presente o recurso de inconstitucionalidade que anunciara cando Galicia regulou esta cuestión.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/06/2025 | Actualizada ás 18:45

Comparte esta noticia

A Xunta de Galicia e a Asociación Eólica Galega (EGA) lamentaron que o Goberno central "perdese outra oportunidade para garantir a seguridade xurídica do sector" a través do Real Decreto para o reforzo do sector eléctrico aprobado a semana pasada que incluía unha prórroga para executar os novos proxectos solares e eólicos que contan con todos os permisos pero que están en perigo de caducar. Nun encontro mantido este luns, a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, e o presidente de EGA, José Manuel Pazo, analizaron a repercusión dese real decreto sobre o sector e coincidiron en afirmar que chega "tarde e mal".

Tal e como sinalou a Consellería nunha nota de prensa, Ángeles Vázquez incidiu en que o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico aprobou este instrumento normativo "xusto o día no que vencía o prazo de varios proxectos eólicos", a pesar de que "desde o Goberno galego insistiuse en múltiples ocasións na necesidade de adoptar esta medida". Neste sentido, a conselleira puxo en valor que o Goberno central "seguise o exemplo de Galicia e regulase, tal e como xa fixo con anterioridade a Xunta, a suspensión dos prazos establecidos como límite para pór en marcha novos proxectos de enerxías renovables con autorización suspendida en vía xudicial". Nesa liña, defendeu que agarda que o Ministerio non presente o recurso de inconstitucionalidade que anunciara cando Galicia regulou esta cuestión.

Así mesmo, a conselleira fixo un chamamento ao Goberno central para traballar xuntos de face a garantir un desenvolvemento sustentable do sector eólico, que, segundo establece a Unión Europea, "é clave para avanzar cara á descarbonización". Precisamente, por iso, lamentou que o real decreto aprobado a semana pasada "pase por alto o interese público superior das enerxías renovables, recoñecido xa a nivel comunitario". Ademais, a responsable autonómica censurou que o Executivo estatal "perdese a ocasión de regular a retirada da zonificación ambiental para a implantación de enerxías renovables ou cando menos, a aclaración do seu carácter orientativo, ou a simplificación dos procedementos administrativos relativos ao sector", así como "outras cuestións esenciais da directiva europea que o Estado está obrigado a traspor".

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, reúnese co presidente da Asociación Eólica Galega (EGA), José Manuel Pazo
A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, reúnese co presidente da Asociación Eólica Galega (EGA), José Manuel Pazo | Fonte: XUNTA

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta