Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/06/2025 | Actualizada ás 20:34
A onda de calor que comezou o pasado venres e que ocasionou que este domingo se elevase ao nivel 3 de alerta en diversas áreas de Galicia, deixou este luns temperaturas superiores aos 40 graos en varios puntos de Galicia, chegando mesmo aos 41.8 en Leiro (Ourense).
A temperatura marca desta calorosa xornada, segundo os valores recolleitos por Meteogalicia, rexistrouse no concello ourensán de Leiro, ás 16.10 horas, cando os seus termómetros chegaron aos 41.8 graos. De feito, a provincia ourensá alcanzou durante este luns as temperaturas máis altas da Galicia, cos 41.2 graos de Ourense cidade ou os 40.4 graos de Arnoia.
Unhas temperaturas bastante elevadas que tamén se viviron durante a xornada deste luns na provincia veciña, na de Lugo, xa que Pantón rexistrou 40.5 graos e Ribas de Sil chegou aos 40.2 graos.
Para este martes, espéranse máximas de máis de 36 graos na zona sur de Ourense, así como na zona noroeste da provincia e no sur de Lugo, mentres que na zona Miño de Ourense os termómetros superarán os 39 graos de máxima.
Por todo iso, Meteogalicia lembrou a necesidade de pasar polo menos dúas ou tres horas ao día nun lugar fresco, refrescar e mollar o corpo varias veces ao día, evitar saír nas horas de maior risco --11.00 a 21.00 horas-- e beber moita auga no caso de nenos e adultos, mentres que no caso dos anciáns, litro e medio de auga ao día.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.