Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 01/07/2025 | Actualizada ás 12:26
A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, trasladou á Comisión Europea (CE) a "indefensión que atravesa o sector do mexillón" en Galicia, que inclúe 3.337 bateas en cinco rías e conta con 12.000 traballadores, cunha produción de 160 millóns de euros de beneficios. Segundo expuxo a formación nunha nota de prensa, Miranda mantivo este martes un encontro con representantes da Organización de Produtores de Mexillón de Galicia (Opmega), na que foi informada de que a venda do mexillón galego está "moi afectada pola competencia desleal debido ao acordo con Chile".
Isto débese a que as importacións están libres de aranceis de forma que se favorece a importación de mexillóns de Chile sen que Europa protexa o seu produto, neste caso o mexillón de Galicia. "Galicia foi sacrificada pola Unión Europea, polo Estado e pola Xunta de Galicia, deixando ao sector do mexillón abandonado fronte á competencia do mexillón chileno que está a entrar sen aranceis dentro do marco do acordo Unión Europea-Chile, e sen que ningún se movese para denunciar esta situación e sen que ningunha das administracións puxese sobre a mesa que Galicia é a principal produtora de Europa", subliñou a eurodeputada nacionalista.
Así mesmo, exemplificou a situación con que "desde o ano 2006 ata o 2024 en Opmega pasaron de vender 100.000 toneladas de mexillóns a 50.000, o cal afecta notablemente o emprego". Por iso, Miranda reivindicou que hai que "protexer o produto galego", que ademais ten "moitos beneficios para a saúde" e grazas ao "viven moitas vilas altamente dependentes da pesca e do sector conserveiro".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.