Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 01/07/2025 | Actualizada ás 19:12
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, e o xerente da área de Pontevedra-O Salnés, José Flores, defenderon como un asunto de "planificación" que realiza Urxencias Sanitarias de Galicia-061 cada verán, ao trasladar a base da ambulancia medicalizada do hospital de Vilagarcía de Arousa a Sanxenxo.
A preguntas dos medios durante unha visita realizada a este centro sanitario, Gómez Caamaño explicou que o 061 fai unha planificación "en xeral para toda Galicia" e "de maneira equitativa e correcta".
"Xa veremos se, no futuro, dentro dos plans do 061, entra a posibilidade de que haxa unha ambulancia a maiores", dixo. Isto permitiría que non houbese que desprazar a do Hospital do Salnés a Sanxenxo durante os meses de xullo e agosto, tendo en conta o aumento da poboación na zona.
Trátase dunha reivindicación que o conselleiro "comprende e entende", segundo as súas palabras, pero "os recursos son limitados" para tentar "cubrir da maneira mellor posible toda a asistencia urxente e emerxente de Galicia".
O XERENTE DEFÉNDEO
"É un tema que non nos cansamos de defender os que sabemos un pouco de medicina de emerxencias", respondeu, pola súa banda, o xerente da área pontevedresa. Aínda que "opinións pode haber miles" José Flores negou as críticas que aseguran que este vehículo sanitario podería non estar a atender a un paciente crítico porque se atopa facendo un traslado entre hospitais: "A xente que está a traballar en urxencias, fai urxencias".
Ademais, o xerente insistiu en que o 061 é un servizo "autonómico", polo que "non entende de concellos" nin "de localismos", senón que se encarga de planificar uns recursos que "non son dos concellos" para destinalos, neste caso, onde no verán acumular máis turismo.
"Non é que perda Vilagarcía a ambulancia medicalizada, senón que é unha ambulancia medicalizada que está no distrito do Salnés e que de forma, entendo que intelixente, responsable e xestora, mobilízase coa poboación. Se a poboación mobilízase ás zonas de costa pois é onde ten que estar", argumentou Flores.
ENTREGA MEDICAMENTOS PERSOAS DEPENDENTES
A Xunta, a través do Portal de Transparencia e Goberno Aberto, fixo público o proxecto de decreto polo que se regulará a entrega de medicamentos, produtos sanitarios e dietoterápicos a domicilio das persoas que teñan recoñecida oficialmente a condición de dependente.
Segundo trasladou o Goberno galego nunha nota de prensa, a norma regulará as condicións, requisitos e sistemas de control aplicables aos supostos especiais de entrega de medicamentos e produtos sanitarios e dietoterápicos, tanto por parte das oficinas de farmacia comunitaria como polos servizos de farmacia dos centros hospitalarios galegos, sexan públicos ou privados.
Desta maneira, as persoas que teñan recoñecida oficialmente a condición de dependente, en calquera dos seus graos (I, II ou III), e que teñan o seu domicilio nalgún dos 313 concellos galegos, poderán acollerse á dispensación e entrega informada no fogar. Así mesmo, tamén poderán recollelos nunha do cinco oficinas de farmacia máis próximas ao seu domicilio; e en calquera outra farmacia pertencente á área de referencia do seu punto de atención continuada.
Neste segundo caso, poderán acceder ao servizo os usuarios dos servizos de farmacia dos hospitais galegos, públicos e privados, cando teñan recoñecida oficialmente a condición de dependente e residir nun dos concellos de Galicia, estar diagnosticado dunha patoloxía crónica e/ou con necesidade de tratamento sen data de finalización prevista, atoparse en seguimento en consulta e acreditar unha adherencia ao tratamento dispensado superior ao 90%.
Para acceder ao servizo necesitarase realizar unha solicitude previa da persoa interesada e da correspondente autorización administrativa, que será emitida pola xerencia da área sanitaria que corresponda, de acordo coa residencia do paciente.
Entre outros asuntos, a Xunta publicou no Portal de Contratos de Galicia, a licitación, por importe de 634.998,32 euros, da contratación dunha solución de seguridade de aplicacións web para o Servizo Galego de Saúde (Sergas).
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.