Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/07/2025 | Actualizada ás 18:42
A Xunta de Galicia espera asinar "moi pronto" co Ministerio de Xustiza un primeiro convenio de cara a implementar o galego dentro do novo programa dixital de xestión procesual, de nome Atenea. O director xeral de Xustiza, José Tronchoni, adiantou durante a Comisión de Administración Xeral, Xustiza e Interior que o Goberno galego xa revisou o primeiro texto do acordo e así o remitiu ao Executivo central, do que agora "depende a firma". "Nós xa estamos en disposición de facelo, pero estamos a apremar ao Ministerio para que tamén o faga", urxiu.
Este documento xa establece unha cláusula que obriga ao desenvolvemento por parte da comunidade autónoma dos sistemas de soporte aos esquemas de tramitación e documentación xurídica en galego e castelán. O asunto levouno á comisión a portavoz de Xustiza do Grupo Socialista do Parlamento, Paloma Castro, que esixiu a Tronchoni un compromiso para o novo sistema de xestión xudicial teña o galego como opción prioritaria "desde o día 1".
"É un feito probado que o galego na xustiza é absolutamente residual", criticou Castro, que lembrou que co sistema actual, Minerva, o Goberno galego prometeu que a opción bilingüe íase a "implantar de forma progresiva". Tronchoni defendeu a este respecto que esta cuestión dependía do Ministerio, de forma que o traballo en traducións de modelos de resolucións procesuales fíxose, pero foi "inútil".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.