Por Europa Press / Redacción | PONTEVEDRA | 07/07/2025 | Actualizada ás 12:42
A Real Academia Galega (RAG) dedicará aos nomes do mar a X Xornada de Onomástica Galega, que se celebrará o 4 de outubro no Museo de Pontevedra. As persoas que desexen participar neste encontro divulgativo poden inscribirse xa na web da institución (academia.gal/formulario-de-inscricion).
Tal e como detallou a institución, o programa profundará a través de seis relatorios na riqueza da microtoponimia das terras ribeiregas e nos nomes das áreas mergulladas, "as realidades invisibles dos fondos mariños". Xurxo Souto será o encargado de pór o broche á cita coa actuación titulada 'A ruta de Ulises Fingal'. "Os pescadores coñecíanos ben, xa que nos advertían dos perigos que podían representar as pedras baixo as augas ou dos lugares onde había abundancia de determinado peixe", expoñen as coordinadoras da proposta, a académica de número Ana Boullón e a académica correspondente Luz Méndez.
Así, a xornada mostrará diversas experiencias centradas na súa preservación e divulgación e que poden ademais servir de inspiración para a posta en marcha doutras iniciativas co mesmo propósito. En concreto, María Ángeles Piñeiro Antelo, especialista en análise xeográfica da Universidade de Santiago de Compostela, ofrecerá unha intervención sobre a cartografía histórica como instrumento para o estudo da variación dos nomes do litoral ao longo do tempo.
Así mesmo, Lucía López e Aarón Ferrari, da mesma institución, analizarán as características dos nomes dos barcos e das bateas nas Rías Baixas; e a profesora de ensino medio da Illa de Arousa Helena Domínguez García, gañadora do Premio de Investigación e Cultura Marítima Luís Rei, exporá a súa experiencia na recollida da talasonimia. A xornada contará tamén con Xosé Lois Vilar, arqueólogo e especialista en nomes do mar e membro do Instituto de Estudos Miñoráns, que proporá estratexias para a divulgación dos nomes do mar; e co mariñeiro Perico o Chirlo, que exporá un testemuño de primeira man sobre o seu caderno de marcas. Por último, o filólogo e investigador do Instituto da Lingua Galega (ILG) da USC Xosé Manuel Dopazo Entenza compartirá a súa experiencia nas aulas de secundaria traballando cos nomes dos barcos.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.