Por Galicia Confidencial | Tordoia | 16/06/2016 | Actualizada ás 09:00
Xa se produciu a primeira denuncia electoral. O voceiro do PSOE de Tordoia (A Coruña), Carlos García, denunciou ante a Garda Civil de Ordes ao alcalde, o popular Antonio Pereiro, pola utilización de "recursos públicos con fins privados e electorais" por empregar "operarios da Casa do concello nun terreo privado no que se celebrou unha churrascada a favor do PP".
A través dun comunicado, o voceiro socialista local asegurou que os feitos tiveron lugar o pasado xoves, cando uns veciños de Pontepedra comunicaron que uns operarios municipais estaban a "montar unha carpa", "limpando a maleza" e "descargando cadeiras" nun terreo privado coñecido como 'O Muíño'.
Ao respecto, Carlos García indicou que o seu partido fixo un seguimento destes traballos, que se prolongaron un día máis. Finalmente, asegurou que o pasado sábado houbo unha "churrascada", presuntamente organizada polo rexedor á que, ademais deste, asistiron "concelleiros do PP".
En concreto, a denuncia realizada polos membros do PSOE sinala que ese terreo non pertence ao Concello e o que o muíño situado no seu interior é propiedade do alcalde. Ao respecto, o voceiro municipal do PSOE indicou que a súa formación política non está en contra dos actos electorais, senón do seu financiamento mediante as arcas municipais.
Finalmente, Carlos García denunciou que as patrullas de obras e as carpas do Concello están "para outras cousas", non para "preparalo" as "churrascadas" ao PP de Tordoia.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.