Por E.P. | Ferrol | 10/07/2025 | Actualizada ás 21:36
Desde moito antes de que empezase oficialmente a hora das visitas para o público xeral, ás 15.00 horas, a dársena do peirao de Curuxeiras de Ferrol acolleu colas de ata medio quilómetro de persoas que querían ver por dentro o Juan Sebastián de Elcano, o barco no que a princesa Leonor realiza o seu cruceiro de instrución coa Armada.
Visitantes procedentes de toda a comarca, de Galicia e mesmo de fóra da comunidade autónoma non dubidaron en aproveitar a oportunidade das dúas xornadas de portas abertas para ver o buque escola no que se forman os guardiamarinas.
Este é o 97º cruceiro de instrución e desde o ano 2013 non se deixaba ver por Ferrol. Ademais, o feito de que a bordo se atope a herdeira ao trono de España multiplica o interese por visitalo.
Desta forma, houbo esperas de ata dúas horas que algúns dos asistentes, moitas familias enteiras, con fillos e avós, daban por ben empregadas.
"É un barco precioso", dicía esta tarde unha muller procedente dunha localidade do interior de Galicia que agardaba a súa quenda, que desexaba ver á princesa Leonor.
Aínda que houbo algúns cidadáns que planearon a visita practicamente a última hora, outros, como un mozo co seu pai da provincia de Lugo, previra o desprazamento a Ferrol hai semanas. "Gústame todo o relacionado co mundo da Mariña e esta é unha oportunidade", detallou.
O tempo acompañou e, sen as altas temperaturas da xornada anterior, moitos cambiaron a praia pola zona portuaria. Este venres o barco volverá estar aberto no mesmo horario, de 15.00 a 22.00 horas.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.