Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/07/2025 | Actualizada ás 11:02
A deportista olímpica Teresa Portela, a que foi conselleira de Familia, Muller e Xuventude con Manuel Fraga, Manuela López Besteiro, e a Unidade de Policía Nacional Adscrita de Galicia recibirán as Medallas Emilia Pardo Bazán 2025, recoñecemento que outorga a Xunta a persoas e entidades que loitan por unha sociedade máis igualitaria e contra a discriminación por xénero.
O Goberno galego anunciou este venres o galardón, que leva o nome dunha escritora que foi "precursora na defensa dos dereitos das mulleres e do feminismo", a través dunha resolución publicada este venres no Diario Oficial de Galicia.
Teresa Portela, que acumula na súa dilatada carreira múltiples medallas europeas e mundiais, entre eles unha prata nos Xogos Olímpicos de Tokio, recibirá a Medalla Emilia Pardo Bazán por ser "todo un referente consolidado na defensa dos dereitos das mulleres e á hora de dar visibilidade ao papel do deporte feminino".
Ademais, o xurado destaca "o seu esforzo e dedicación ao longo destes anos, rompendo barreiras sociais", e por mostrar ás novas xeracións "a importancia da igualdade en todos os campos da sociedade".
Pola súa banda, Manuela López Besteiro, conselleira de Familia, Muller e Xuventude entre 1993 e 2002, foi recoñecida polo seu "labor fundamental para reivindicar os dereitos das mulleres e dar visibilidade á importancia da conciliación e da corresponsabilidade como garantía dunha sociedade máis igualitaria".
Mentres tanto, a Unidade de Policía Nacional Adscrita de Galicia (UPA), coñecida tamén como Policía Autonómica, é a encargada de protexer ás vítimas de violencia de xénero e forma parte do sistema 'Viogen'. O xurado pretende enxalzar o seu traballo diario "acompañando a todas estas mulleres e representando un papel destacado tamén na súa recuperación".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.