Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/07/2025 | Actualizada ás 12:09
O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, rexistrou novas iniciativas co obxectivo de coñecer o estado dos inmobles que o Goberno transferiu da Sareb á Sepes e pedir que "rectifique" a "intención de recentralizar as políticas de vivenda".
Segundo trasladou o Bloque nunha nota de prensa, a formación nacionalista esixe a transferencia gratuíta de todos os inmobles que proveñen da Sareb á Xunta de Galicia para que as incorpore ao parque público de vivenda.
Así, tras o acordo do Consello de Ministros de traspasar determinados activos da Sareb á Sepes como empresa estatal de vivenda e chan da Administración xeral do Estado, o BNG pide "respecto competencial e colaboración institucional".
"O BNG reclama que as vivendas titularidade da Sareb se transfiran de forma gratuíta á Xunta para a súa incorporación a unha bolsa de vivenda pública. As vivendas xa foron adquiridas con fondos públicos cando se produciu o rescate dos activos das entidades bancarias durante a crise inmobiliaria e financeira tras o 2009, polo que son públicas e non ten sentido tentar recuperar os fondos doutras administracións cando non se lle esixiu ese pago aos bancos rescatados", defendeu o deputado nacionalista.
Nesta liña, pediu coñecer cantos inmobles situados en Galicia titularidade da Sareb serán transferidos á Sepes e cantos quedan en mans da propia Sareb.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.