Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 11/07/2025 | Actualizada ás 16:17
O director xeral de Patrimonio Cultural, Anxo Miramontes, asegurou no Parlamento galego que “non é certo que se estea diminuíndo a protección” do conxunto termal da Toxa, aínda que defendeu que algúns dos seus elementos “non teñen valores suficientes para ser considerados Ben de Interese Cultural (BIC)”. Aclarou que xa existe unha solicitude para esa declaración, pero que os informes técnicos sinalan que moitos dos inmobles “perderon a súa integridade e autenticidade” debido ás reformas e ao uso actual. Por iso, considerou que a protección prevista no plan xeral urbanístico “é adecuada e suficiente”.
A deputada do BNG Montse Prado criticou con dureza a postura da Xunta, denunciando unha “rebaixa” na protección e reclamando máis medidas para preservar o conxunto como parte da memoria colectiva. “A Toxa non pode quedar reducida a un campo de golf e un salón de eventos que deturpan o seu nome”, advertiu, ao tempo que instou a Miramontes a reconsiderar se merece ser conservado. “Sentirse galego é algo máis que comer carne ao caldeiro e empanada”, reprochou.
Na mesma comisión, os deputados do BNG tamén preguntaron pola situación da torre de Arcos e o Pazo de Suatorre, en Chantada, así como polo pazo e torre de Guimarei, na Estrada. En ambos casos, Miramontes lembrou que se trata de bens de propiedade privada e que, polo tanto, a Xunta non pode investir fondos públicos na súa restauración, aínda que pode ofrecer asesoramento. Tamén deixou claro que non hai prevista ningunha compra por parte da administración autonómica.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.