Acepta dous anos por subornar a un axente ambiental para plantar eucaliptos

Fiscalía admitiu a suspensión da pena se non volve cometer un delito no prazo de dous anos.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/07/2025 | Actualizada ás 11:47

Comparte esta noticia

Un home acusado dun delito de suborno por tentar subornar a un axente ambiental con 500 euros para facer plantacións ilegais en Touro, en outubro de 2023, aceptou unha pena de dous anos de cárcere. No entanto, Fiscalía admitiu a suspensión da condena de prisión coa condición de que o procesado, nacido en 1963, non cometa ningún delito no prazo de dous anos.

Fíxoo tras recoñecer os feitos o procesado e acordarse unha pena de dous anos de privación de liberdade, o pago dunha multa de 1.620 euros e o comiso dos 500 do intento de suborno. A avogada da defensa solicitou, ademais, a suspensión da execución da sanción de cárcere e o representante do Ministerio Público aceptou. Por iso, a xuíza acordou a súa cancelación coa condición de que o xa condenado non cometa ningún delito nun prazo de dous anos. A sentenza é firme.

FEITOS

Segundo o escrito de conformidade -- asinado por fiscal, avogada defensora do procesado e letrado da Xunta como acusación particular --, o acusado concertou unha cita co axente ambiental nunha glorieta da autovía A-54, confluencia coa estrada N-547, onde lle explicou que quería facer plantacións para aproveitamento madeireiro nunhas parcelas no municipio coruñés de Touro.

O traballador dependente da Consellería do Medio Rural contestoulle que non era posible facer esas plantacións, salvo nunha parcela. "Ao recibir unha resposta negativa", explica o documento, o procesado sacou 500 euros -- distribuídos en 10 billetes de 50 euros -- e afirmou que "había que chegar a un acordo" para poder plantar nesas leiras.

Acto seguido, o procesado "tirou os billetes dentro do asento do copiloto no coche oficial rotulado no que se desprazou ata o lugar o axente ambiental coa intención de torcer o debido exercicio do cargo do axente". O axente solicitou ao home que collese o diñeiro, "pero lonxe de facelo así, o acusado abandona o lugar no seu propio vehículo deixando no interior do automóbil do funcionario público os 500 euros cos que pretendía alterar o recto exercicio do cargo do funcionario público".

O efectivo denunciou os feitos o 27 de outubro de 2023. Posteriormente, o acusado recoñeceu dita actuación en sede xudicial e colaborou coa investigación.

Plantación de eucaliptos que dana un castro en Alfoz. ADEGA
Plantación de eucaliptos que dana un castro en Alfoz. ADEGA

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta