Case 3.000 persoas con discapacidade en Galicia participaron en programas de Cogami financiados pola ONCE

A Fundación ONCE financiou estes programas a través da convocatoria do Plan de Prioridades

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/07/2025 | Actualizada ás 11:22

Comparte esta noticia

Máis de 2.700 persoas con discapacidade de Galicia participaron en programas de Cogami financiados pola Fundación ONCE, a través da convocatoria do Plan de Prioridades, co obxectivo de mellorar a calidade de vida dos usuarios.

Durante este ano, 25 entidades do movemento asociativo de COGAMI desenvolven 38 proxectos a través desta subvención, dos que 37 están relacionados coa atención para a autonomía persoal e vida independente e un dirixido á mellora do servizo de transporte adaptado.

Tal e como destacou Cogami, todos estes proxectos van permitir que se beneficien un total de 2.740 persoas con discapacidade, usuarias de COGAMI e das súas entidades, que operan principalmente en zonas rurais.

A finalidade de todos estes programas é conseguir mellorar as condicións das instalacións e a calidade dos servizos que prestan, de modo que repercuta no adecuado desenvolvemento das accións dirixidas a potenciar a autonomía persoal, a vida independente e a mellora da calidade de vida das persoas usuarias e as súas familias.

PROVINCIAS

Por provincias, en Lugo, as entidades beneficiarias son A Mariña-COGAMI cun programa de autonomía persoal, Alcer Lugo cun programa de psicoloxía, e ALUCEM, cun programa de atención integral a persoas afectadas por esclerose múltiple.

Na Coruña, a entidade UGADE desenvolverá un servizo de apoio psicolóxico a persoas con epilepsia, un servizo de fisioterapia para persoas amputadas, unha unidade de atención ao párkinson e ás súas familias, un programa integral para persoas con enfermidades neurodegenerativas de ACEM Santiago, así como un programa de promoción da autonomía persoal desenvolvido por Conartritis e un servizo de transporte adaptado de ACEM Coruña.

Doutra banda, en Ourense, as entidades que desenvolverán proxectos son AODEMPER cun servizo de rehabilitación de fisioterapia para persoas con párkinson e enfermidades raras, e ALCER Ourense, que ofrecerá orientación e apoio a persoas con enfermidade renal crónica.

Por outra banda, na provincia de Pontevedra, Alcer Pontevedra ten un programa de atención psicosocial para persoas con enfermidade renal crónica, AMIZADE un programa de atención integral para persoas con discapacidade, AVEMPO atención social especializada para persoas afectadas de esclerose múltiple, ACCU Vigo un servizo de atención integral e asesoramento a persoas con enfermidade inflamatoria intestinal, un programa de prevención e atención dos trastornos do desenvolvemento infantil de VONTADE e, por último, a asociación ADAPTA, que comprará un vehículo adaptado e poderá desenvolver un programa de atención diúrna terapéutica.

OUTRAS INICIATIVAS

Dentro das asociacións de ámbito autonómico, poranse en marcha un servizo de atención integral para persoas con fibrose quística (AGFQ); un servizo de fisioterapia especializada para persoas diagnosticadas de linfedema e lipedema (AGL); un servizo de atención, asesoramento e información a persoas con coagulopatías de AGADHEMO e unha vivenda de estancia temporal para pacientes oncolóxicos e os seus familiares a cargo de ASOTRAME.

Tamén se concederon distintas actuacións para os centros de atención diúrna de COGAMI, como a adquisición de mobiliario, a instalación dunha batería solar ou a creación dun xardín sensorial no centro de Mos; unha obra para arranxar o tellado e a instalación dunha batería de enerxía solar no centro de día de Medelo; outra batería de acumulación de enerxía solar e a creación de salas de atención no centro de Fingoi en Lugo; unha obra de adecuación na oficina de COGAMI en Pontevedra; a compra de material informático para todos os centros da entidade; e a adquisición dunha caldeira para o centro de día de Monteporreiro.

A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, en cadeira de rodas xunto ao director da Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), Francisco Menéndez, e o presidente de Cogami, Anxo Queiruga.. XUNTA
A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, en cadeira de rodas xunto ao director da Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), Francisco Menéndez, e o presidente de Cogami, Anxo Queiruga.. XUNTA

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta