O PPdeG reclamará ao Goberno máis examinadores da DXT

A iniciativa servirá para liquidar as listas de espera no acceso ás probas do carné de conducir en Galicia.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/07/2025 | Actualizada ás 15:46

Comparte esta noticia

O Partido Popular de Galicia presentará unha iniciativa parlamentaria para reclamar ao Goberno central que dote "de maneira urxente" de examinadores á Dirección Xeral de Tráfico (DXT) para liquidar as listas de espera no acceso ás probas do carné de conducir en Galicia. En declaracións aos medios en Ourense este mércores, acompañada da concelleira popular no concello da cidade Ana Méndez e a presidenta de Novas Xeracións Nicole Grueira, a secretaria xeral do PPdeG Paula Prado recalcou a "insuficiencia de prazas" na DXT, que, segundo dixo, xerou unha lista de espera de "3000 alumnos" na comunidade autónoma.

Prado destacou, ademais, que a imposibilidade de sacarse o carné de conducir impide que moitos mozos se poidan "presentar a oposición" ou "poidan mesmo perder un posto de traballo". Declaracións que veñen despois dun martes no que o director de Tráfico, Pepe Navarro, lamentase, nun almorzo organizado por Executive Forum, que "faltan examinadores" e anunciase que a DXT está en negociacións co Ministerio de Función Pública para ampliar o persoal de examinadores e "adecuala á demanda actual". Engadiu, ademais, que en España a lista de espera é de "8000 persoas" con xornadas de "12 probas por examinador ao día".

Con todo, a secretaria xeral popular celebrou que en Galicia están "a facer as cousas ben", ao destacar a situación da provincia de Ourense, que conta cun Centro de Formación Profesional (CIFP) "pioneiro", en palabras da portavoz popular en Ourense Ana Méndez, na formación de profesores de autoescola. Trátase do CIFP Portovello que xa conta con "os 14 primeiros alumnos", engadiu Méndez. A provincia de Ourense, ademais, convértese na "única en Galicia" en manter o calendario de exames de conducir durante o mes de agosto, "sen listas de espera" e "sen problemas para que se presenten a exame todos os alumnos que queiran", subliñou Ana Méndez.

A secretaria xeral do PPdeG Paula Prado, a portavoz local do PP en Ourense Ana Méndez e a presidenta de Novas Xeracións Nicole Grueira, entre outros, fronte ao CIFP Portovello. ÍÑIGO ROLÁN
A secretaria xeral do PPdeG Paula Prado, a portavoz local do PP en Ourense Ana Méndez e a presidenta de Novas Xeracións Nicole Grueira, entre outros, fronte ao CIFP Portovello. ÍÑIGO ROLÁN | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta