Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 28/07/2025 | Actualizada ás 14:00
A deputada do BNG Noa Presas anunciou a presentación dunha batería de iniciativas no Parlamento de Galicia para esixir que a Xunta explique a "conexión coa trama de tráfico de influencias de Equipo Económico", do exministro de Facenda Cristóbal Montoro, ao que acusou de exercer un "capitalismo de amiguetes".
Entre outras cuestións, os nacionalistas queren saber se o pago de 172.000 euros que publicou o diario 'elEconomista' "tivo que ver" co proceso de "bancarización e malventa" das extintas caixas de aforro galegas.
Para a parlamentaria do Bloque, as explicacións dadas por agora pola Xunta son "absolutamente insuficientes" e ata "ridículas", ao facer mención ao período 2009-2011, coma se entón Montoro fose un personaxe "anónimo". Respecto diso, subliñou que leva "vinculado ao PP desde os anos 90" e esixiu "máxima transparencia".
En concreto, o BNG reclama coñecer "datas, contías" e o "responsable político" que ordenou ese suposto pago "cos amigos de Montoro". "Que informes, quen" os pediu, "cando e para que se empregaron", profundou en rolda de prensa.
Así, Presas cargou contra o "capitalismo de amiguetes" e contra as "portas xiratorias" e incidiu en que a súa formación require "toda a documentación" pois non lle valen "desculpas xenéricas". A maiores, afirmou que "calquera lei" impulsada polo PP está agora "baixo sospeita", e apuntou ao sector eólico, urbanismo, en materia fiscal e sobre o modelo de financiamento.
INFORMES PARA O ERE DE NOVAGALICIA BANCO
Tamén fixo referencia Noa Presas á exconselleira de Facenda Marta Fernández Currás, da que dixo que "foi colocada" no equipo de Montoro no ministerio, na súa opinión ante a "presión mediático" polo "fracaso" das caixas de aforro galegas.
É neste extremo no que falou dos informes para a "bancarización e malventa" das caixas e sinalou a "informes técnicos" que acompañaron ao expediente de regulación de emprego (ERE) de Novagalicia Banco, algo que o BNG quere "auditar", precisamente o día en que Abanca presentou resultados que lle sitúan con ganancias de 427 millóns no primeiro semestre.
RESPOSTA DA XUNTA
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, asegurou que "non hai absolutamente nada que ocultar" nos contratos do Goberno galego con Equipo Económico, o despacho do exministro de Facenda Cristóbal Montoro investigado por presuntos amaños en leis a cambio de pagos de empresas. O presidente pronunciouse deste xeito ao ser preguntado na rolda de prensa posterior á reunión semanal do seu Goberno pola esixencia do BNG de coñecer os contratos asinados polo Goberno galego con este despacho.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.