Por Moncho Mariño | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/07/2025 | Actualizada ás 22:00
O goberno galego repartiu os traballos de extinción de incendios e coordinación aéreos entre dúas Unións Temporais de Empresas (UTE). Unha delas é a UTE Avincis-Desmontes Coordinación Xunta de Galicia, con dous helicópteros é a empresa que leva adiante as tarefas de reparto de medios aéreos durante un incendio. A segunda é a UTE entre Airworks e Rebofosa chamada UTE Helicópteros de Galicia, que traballa en labores de extinción cos seus aparatos ademais de levar brigadas helitransportadas de intervención rápida. Airworks pon as aeronaves e Rebofosa pon os brigadistas. O investimento da Xunta implica traballos desde 2024 até 2027 e isto por un valor estimado de 43.117.691,50 euros. Por outra parte, está o escurantismo laboral reinante dentro destas empresas que, por non seren públicas, non parecen querer render contas sobre o cumprimento de convenios e salarios dos seus traballadores.
UTES, SOLUCIÓN PARA CASE TODO
A externalización de tarefas é unha constante dentro dos diferentes ámbitos de traballo. No que toca aos lumes en Galicia, a contratación de empresas exteriores para pilotar helicópteros procede dun “comportamento histórico” sobre este tipo de traballos. As tripulacións de diversos servizos públicos (Aduanas, Salvamento Marítimo ou Gardacostas de Galicia) sempre foron de empresas privadas.
No que toca ao lume, dúas empresas reparten o traballo. Avincis, figura nos documentos da Xunta como unha UTE Avincis-Desmontes Coordinación Xunta de Galicia. Esta empresa ten contratados os servizos de coordinación dos medios aéreos e terrestres contraincendios. Indican onde se deben desprazar máis medios para sufocar o lume e voan máis elevado que os helicópteros das brigadas helitransportadas e dos antincendios.
En 2023, esta UTE formada por Avincis Aviation Iberia, SLU; Avincis Aviation Technics SAU, Avincis Aviation España, SAU e Oficina Técnica Demontes, SLU, recibiu un total de 4.342.032 euros polo seu labor tal como se indica na web de Transparencia da Xunta: 'CMR-2023-0005:Servizo de medios aéreos destinados á prevención e defensa contra os incendios forestais en Galicia durante os anos 2023, 2024, 2025 e 2026'.
A UTE Helicópteros de Galicia recibiu a licitación para Servizo integral de helicópteros e brigadas destinados á prevención e defensa contra os incendios forestais en Galicia durante os anos 2024, 2025, 2026 e 2027. Eran tres competidores, Avincis, Helicópteros de Galicia e Rotorsun. Finalmente a Xunta concede a licitación a UTE Helicópteros de Galicia pola súa oferta de 21.865.263,55 euros. En 2023, ao mesmo tempo que a UTE de Avincis, recibiu 8.787.482,40 euros polos mesmos conceptos que a primeira.
CONDICIÓNS LABORAIS
Os e as pilotos e traballadoras de Avincis declararon folga a partir do 1 de xullo tanto no Servicio de Salvamento (dous helicópteros) e nos dous aparatos de coordinación da Xunta. Antes de que os paros se materializasen o goberno galego publicaba no DOG os servizos mínimos para as naves que traballan en coordinación de extinción. Estes servizos afectaban ao 100% dos seus horarios e traballos para non parar operacións críticas durante o verán. O grande problema neste caso e segundo o Sindicato Libre de Trabajadores Aéreos (SLTA) é que as condicións laborais e salariais son “insorportables”.
Avincis ten conxelados os salarios dos seus pilotos desde hai dez anos. Así, o mesmo SLTA denuncia que os e as traballadoras perderon un 25% de poder adquisitivo durante a última década. A pesar disto, seguen traballando nas mesmas condicións con xornadas que poden superar 2.000 horas por ano.
O pasado 17 de xullo de 2025 o Tribunal Supremo condenaba a unha das filiais de Avincis por vulneración dos dereitos fundamentais, entre eles o de folga e a garantía de indemnidade. A partir de aquí a presión sobre a empresa crece. Todo porque os traballadores buscan conciliar coas familias, aumentos salariais atrasados e horarios laborais que non sexan extenuantes.
Helicópteros de Galicia pola súa parte, é un mundo descoñecido para todos os sindicatos. Primeiramente, a empresa de helicópteros Airworks, con sede social en Salamanca, ten a día de hoxe a case exclusiva dos aparatos aéreos contra o lume. No que toca a helicópteros, o SLTA alerta dunha situación que pode chegar á ilegalidade.
Actualmente, Airworks ten traballando nos seus aparatos tripulantes portugueses que traballan entre 15 e 20 días en territorio galego e logo pasan a Portugal onde fan xornadas semellantes. Descansarían cinco días e volven ao traballo. Isto na teoría porque as fontes do SLTA falan dun auténtico descontrol horario entre estas tripulacións. Isto sucede desde a reforma laboral de 2021 pois antes dela usaban fixos discontinuos que eran enviados ao “paro” canto lles tocaban días de descanso.
A segunda rama de Helicópteros de Galicia, Rebofosa, é unha empresa que recolle traballos relacionados co monte e coa extinción de incendios. A día de hoxe, ningunha fonte sindical puido entrar en contacto cos traballadores. A CIG foi preguntada se as brigadas helitransportadas de Rebofosa teñen os mesmos EPI que os brigadistas da Xunta. Non hai coñecemento sobre este punto como tampouco hai sobre se existe representación dos traballadores.
Galicia Confidencial tratou de contactar con Airworks e Rebofosa en varias ocasións mais non houbo ningunha resposta. As UTE que traballan para a Xunta levan adxudicacións públicas mais algunhas prácticas laborais están en dúbida e case na ilegalidade.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.