Comezan as obras de vivendas de protección autonómica no Bertón, en Ferrol

A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, remarcou o investimento de 80 millóns en actuacións de vivenda na cidade departamental

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/07/2025 | Actualizada ás 17:47

Comparte esta noticia

A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, e o alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, visitaron este mércores o polígono do Bertón, en Ferrol, onde a Xunta comeza estes días a construción do primeiro edificio de vivendas de protección autonómica.

Cando conclúa a actuación, no último trimestre de 2026, serán as primeiras 24 vivendas dun total de 363 que levantará a administración autonómica para aluguer antes de 2029.

Estas cifras, explicou a conselleira, tradúcense nun compromiso de investimento de 80 millóns en actuacións de vivenda na cidade e proban "o noso interese en colaborar co Concello para que Ferrol consiga a posición que Ferrol tiña como cidade e que aos poucos está a recuperar".

O 40% das vivendas que se constrúan estarán destinadas a menores de 36 anos. Este primeiro inmoble supón un investimento total de 6,4 millóns, o 82% de fondos autonómicos.

A conselleira lembrou, ademais, que outro tres inmobles do mesmo parque residencial están agora mesmo en fase de redacción de proxecto e que outros dous están en trámite de valoración de ofertas, tamén para realizar o proxecto. Ademais, nos próximos días comezará a construción doutro inmoble de 24 vivendas.

"PLANIFICACIÓN ESTRATÉXICA"

O alcalde, José Manuel Rey, destacou que este proxecto é "froito da planificación estratéxica da Xunta" e lembrou que a colaboración coa Consellería que dirixe María Martínez Allegue esténdese a outras iniciativas como a rexeneración urbana ou os proxectos de Abrir Ferrol ao mar e a Cidade do Deporte.

"Esta actuación favorece a cohesión social", apuntou Rey Varela, "así como a proximidade de servizos básicos como colexios, o futuro centro de saúde en San Xoán e a futura residencia da terceira idade". "Hoxe", engadiu, "damos un paso máis cara á cidade que queremos: viva, inclusiva, con equilibrio demográfico e oportunidades".

A conselleira de Vivenda, María M. Allegue. XUNTA
A conselleira de Vivenda, María M. Allegue. XUNTA

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta