Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 31/07/2025 | Actualizada ás 12:47
A execución da Xunta de fondos europeos sitúase no 67,8% en 2023. Dun total de 1.434,6 millóns de euros a gastar forma plurianual, foron executados 973,2 millóns, unha cifra que descende a 790,5 millóns se se refire a pagos efectuados (55,1%). Así figura no informe de fiscalización de fondos europeos sobre 2023 que publicou no último día do mes de xullo o Consello de Contas, que expón o "énfase na necesidade de incrementar o volume de execución dos recursos europeos en cada exercicio". "Sobre todo se temos en conta que o prazo límite para utilizar os recursos totais dispoñibles do MRR (fondos do Mecanismo de Recuperación dos Next Generation) finalizan o 31 de decembro de 2026.
Deste xeito, urxe a que "fai falta concentrar os esforzos" na execución dos Next Generation pola data límite de finais de 2026 para o seu gasto. Indica o órgano fiscalizador que "en 2023 confirmouse unha demora xeral no inicio da execución efectiva dos proxectos europeos do novo marco 2021-2027 debido ao atraso na súa aprobación pola UE e o consecuente atraso na remisión ao Estado español". O volume xestionado de fondos europeos é en 2023 o maior da serie histórica en Galicia, con datos analizados desde 2015.
Iso si, Contas subliña que os pagos no exercicio 2023 aumentaron en 685,9 millóns de euros respecto ao exercicio 2022, polo que o incremento "é moi relevante". "Os índices de execución avaliados en relación co financiamento europeo melloran con carácter xeral, o que ten como consecuencia directa que no exercicio 2023 diminúen os diferenciais negativos respecto á execución dos orzamentos xerais da comunidade", valora.
BENEFICIARIOS DOS FONDOS
Estes fondos europeos corresponden a 525 proxectos únicos que recibiron pagos, dun total de 590. Os pagos finais repartíronse: organismos públicos, un 52,7% (652 millóns); as persoas xurídicas, un 45,2% (558,5 millóns); as persoas físicas, un 1,6% (20 millóns); e outros tipos de entidades, un 0,5% (5,6 millóns). O volume de fondos europeos percibido polos concellos é de 55,9 millóns, só o 3,75% do total de máis de 1.400 millóns. No entanto, Contas apunta que hai unha alza do 60,7% respecto ao exercicio anterior --maior incremento da serie histórica desde o exercicio 2014--, aínda que a repartición baixa a 219 municipios beneficiados (eran un total de 258 en 2022).
REVISIÓN DA FENDA DIXITAL ENTRE O ALUMNADO
O Consello de Constas pide á Xunta de Galicia que realice "un traballo estatístico específico" sobre a fenda dixital do alumnado nos centros educativos sostidos con fondos públicos para lograr unha "planificación máis adecuada" na dotación dos dispositivos móbiles, de forma que chegue a todos os colexios e non só aos que participan en programas como o Edixgal e Educa en Dixital Galicia. Así se desprende das recomendacións que o ente fiscalizador inclúe no seu informe sobre as actuacións da Comunidade autónoma para cumprir os obxectivos do programa de dixitalización do sistema educativo posto en marcha no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resilencia denominado #EcoDigEdu.
No documento, consultado por Europa Press, Contas considera que para este traballo estatístico, a Xunta debe ter en conta a situación de partida, o número de equipos (por etapa educativa) que se atopan na actualidade en situación de préstamo en todos os centros (públicos e concertados) para cubrir as necesidades. Deste xeito, subliña que a fenda dixital do alumnado debe ser abordada tendo en conta as "necesidades reais" dos colexios, con independencia de que participen ou non en programas e accións anteriores á posta en marcha deste programa con fondos europeos para a educación dixital.
RÉPLICA DE FACENDA
A Consellería de Facenda replicou ao informe do Consello de Contas que os fondos europeos "non pode ser analizados nun ano concreto" debido ao seu carácter plurianual. Facenda opina que a execución dun exercicio "non mostra o estado real de execución dos programas". Defende que a Xunta "executou a totalidade dos recursos asignados nos programas 2014-2020 dos fondos estruturais --Feder e FSE--, así como as partidas incluídas do fondo REACT-EU". "A execución total destes programas, que se pecharán a finais de 2025, despois dos últimos controis sobre o gasto certificado, suporá o reembolso por parte da Unión Europea da totalidade dos fondos asignados nos programas rexionais de Galicia", agrega.
Así mesmo, subliña que o importe das operacións aprobadas polo Goberno galego nos programas do marco financeiro 2021-2027 "está no 63,1 % dos recursos programados, tendo en conta que o período de elixibilidade finaliza o 31 de decembro de 2029". O importe adxudicado ascende xa a preto do 30 % dos fondos asignados (29,2 %). No que se refire ao Mecanismo de Recuperación e Resiliencia (MRR), apunta que, "a pesar de diversos obstáculos, como a excesiva centralización e a falta de cogobernanza real do Goberno central coas comunidades, a Administración galega está a levar a cabo unha xestión dilixente dos mesmos". Sinala un importe publicado de convocatorias de subvencións e licitacións que representa o 89 % dos ingresos netos recibidos, "mentres que o importe adxudicado ascende a 1.368 millóns de euros, o 94 % do publicado e o 84 % dos ingresos netos". Tamén se queixa de que Galicia recibiu do Estado polo Fondo de Compensación Interterritorial (FCI) un total de 38,6 millóns, "a menor cantidade desde o ano 2008, cando a comunidade recibiu 203 millóns de euros".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.