O Tribunal de Contas condena ao exalcalde de Catoira por cobros indebidos

Alberto García deberá devolver máis de 20.000 euros ao Concello por recibir pagos diarios mentres cobraba a súa pensión.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 29/07/2025 | Actualizada ás 20:26

Comparte esta noticia

O Tribunal de Contas condenou ao exalcalde de Catoira (Pontevedra), Alberto García (PSdeG-PSOE), a devolver 20.280,69 euros ao Concello por cobrar de forma irregular cantidades diarias das arcas municipais mentres percibía a súa pensión de xubilación. Segundo a sentenza, entre setembro de 2018 e xuño de 2019, o exregidor cobrou 15.600 euros por “asistencias diarias” ao Concello, mesmo en días non laborables e sen xustificar necesidade de servizo ou permanencia na institución.

Alberto García, alcalde de Catoira
Alberto García, alcalde de Catoira | Fonte: pontecesures.net

O tribunal considera que estas cantidades encubrían unha retribución real e non unha indemnización, como argumentaba a defensa do exalcalde, que sostén que os pagos estaban aprobados polo pleno desde 2017 e tiñan carácter compensatorio. Ademais, detectouse que o Concello tamén abonou 1.855,61 euros á Seguridade Social polas súas cotas sen descontalos da súa “nómina”.

A resolución xudicial obriga a Alberto García a devolver o total percibido de forma indebida, xunto cos intereses correspondentes, pero absolve ao tesoureiro municipal da época ao considerar que actuou conforme á legalidade, xa que os pagos foran autorizados polo interventor sen ningún reparo formal.

O actual alcalde de Catoira, o nacionalista Xoán Castiñeiro, celebrou o fallo e destacou que o seu equipo puxo por diante o interese público cando, en 2020, detectou e denunciou estas irregularidades durante un breve período anterior no que tamén ocupou a Alcaldía. Castiñeiro lamenta a tardanza do proceso pero afirma que a xustiza “remata poñendo as cousas no seu sitio”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta