Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/07/2025 | Actualizada ás 19:07
O Tribunal Supremo (TS) desestimou o recurso da Asociación pola Defensa da Ría (APDR) e volveu a avalar, por terceira vez, a prórroga ata 2073 da concesión dos terreos de Ence en Lourizán, en Pontevedra, acordada polo Goberno de Mariano Rajoy en 2016.
Trátase dun novo fallo ditado polo alto tribunal o pasado 17 de xullo, ao que tivo acceso Europa Press, e que reproduce boa parte das dúas sentenzas anteriores, nos procesos promovidos polo Concello de Pontevedra e Greenpeace. Igual que as dúas ocasións anteriores, tamén emitiu un voto particular a maxistrada Ángeles Huet de Sande.
Cabe lembrar que a Audiencia Nacional, en setembro de 2021, estimara os recursos contra a prórroga que deu o Goberno central en 2016, cando estaba en funcións, ao que a compañía, outras entidades de sector e empresas auxiliares presentaran recurso.
Posteriormente, o Supremo deulles a razón e, nesta ocasión, foi no procedemento ordinario que seguiu contra a demanda de APDR e que era o último que tiña pendente de resolver.
TRES ARGUMENTOS DA ASOCIACIÓN
A APDR alegara tres motivos para recorrer a sentenza anterior e pedir que o caso volvese á Audiencia Nacional: que o Goberno estaba en funcións ao conceder a prórroga en 2016; que debía aplicarse a Directiva europea de servizos no mercado interior; e que alongar a concesión ata 2073 vulneraba o artigo 132.1 da Constitución.
Ence destaca que o Supremo rexeita as pretensións da asociación lembrando que "en casación só pódese impugnar o fallo, non os argumentos". Así mesmo, os maxistrados reiteran que a directiva non é aplicable ás prórrogas de concesións do réxime transitorio da Lei de Costas porque foron concibidas "como compensación a titulares de dereitos anteriores" e "non están suxeitas a procedementos de libre concorrencia con terceiros", como esixe a normativa europea.
De feito, os argumentos do TS van na liña das dúas sentenzas anteriores e non considera que se poida aplicar o artigo 32.1 da Lei de Costas de 1988 ás prórrogas de concesións que, como a de Ence en Lourizán, fosen outorgadas de acordo coa modificación introducida en 2013.
E é que, segundo entende o Supremo, a pasteira responde o concepto de "actividades que, pola súa natureza, non poidan ter outra localización". Por tanto, os maxistrados avalan a concesión dos terreos situados no dominio público marítimo-terrestre desde 1958 e que, se se cumprise o máximo permitido pola lei de 1998, debía finalizar en 2033.
Ademais, recalcan que os requisitos ambientais da biofábrica danse por cumpridos ao contar cun informe favorable da Xunta.
'PLAN SOCIAL' ENCE
Por outra banda, o 'Plan Social' de Ence Pontevedra acaba de pechar a súa sexta convocatoria, dotada de 3 millóns de euros, tras recibir un total de 382 iniciativas. A empresa, a través dun comunicado, celebra estas cifras que a consolida "como unha das actuacións privadas máis relevantes en materia de desenvolvemento sustentable e cohesión na comarca".
As cinco áreas de actuación máis destacadas foron deporte de base (156 proxectos), recuperación e coidado da contorna (69), educación e cultura (65), promoción da inclusión social (59), e emprendimiento e innovación (33).
A comisión de seguimento do 'Pacto Ambiental', integrada pola Xunta e Ence, levará a cabo o proceso de avaliación e selección dos proxectos do 'Plan Social'. Pola súa banda, a consultora Valora coordinará a análise detallada de todas as solicitudes presentadas.
Ence dará a coñecer os resultados e proxectos beneficiarios ao longo do cuarto trimestre de 2025. A listaxe completa de proxectos solicitados estará dispoñible na web plansocialence.es. Cada solicitante recibirá unha notificación individual coa avaliación correspondente.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.