Rueda apela á conciencia cidadá fronte aos lumes: "As leis non chegan a todo"

O presidente da Xunta denuncia a acción de "desalmados" e admite os límites legais para frear os incendiarios.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 02/08/2025 | Actualizada ás 13:25

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, lamentou que as medidas de prevención e represión fronte aos incendios forestais "caen" ante a acción de "desalmados" que provocan lumes, como o recente da Cañiza, con cinco focos distintos e que obrigou a confinar a varios núcleos. O mandatario insistiu na importancia da concienciación social e do coidado do monte, recoñecendo que hai límites que "as leis non poden facer, dependen das persoas".

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, durante unha entrevista concendida a Europa Press. CÉSAR ARXINA
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, durante unha entrevista concendida a Europa Press. CÉSAR ARXINA | Fonte: Europa Press

Rueda advertiu da dificultade para identificar e condenar aos incendiarios, pero asegurou que non se debe baixar a garda e que "se fai todo o posible para dar con eles". Destacou os avances na prevención, especialmente na limpeza das franxas próximas ás vivendas, aínda que admitiu que ao principio foi difícil a colaboración cos concellos.

Sobre a moratoria á plantación de eucaliptos, que remata este ano, afirmou que a Xunta leva meses facendo consultas con todos os sectores implicados e que a decisión final buscará ser o máis "consensuada e entendible posible", aínda que "non contentará a todos". O Goberno autonómico tomará agosto para recompilar toda a información e anunciará a decisión posteriormente.

En canto á violencia machista, Rueda defendeu que o orzamento da Xunta aumentou e que os fondos se destinan tanto á atención directa ás vítimas como á prevención. Reivindicou que Galicia é a única comunidade que ofrece unha achega mensual ás vítimas para facilitar a súa independencia, e asegurou que a resposta institucional se adapta ás necesidades detectadas.

Finalmente, mostrou o seu apoio ao director xeral de Loita contra a Violencia de Xénero, Roberto Barba, fronte á polémica polas súas alegacións ao informe do Consello de Contas. Asegurou que é unha persoa "experta e comprometida", cualificando como "frivolidade" as críticas da oposición e insistindo en que as súas palabras foron malinterpretadas nun contexto técnico e interno.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta