Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 03/08/2025 | Actualizada ás 19:30
A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, fixo un chamamento ás traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) a denunciar calquera situación de acoso que poidan estar sufrindo, tras o recente crime dunha empregada no Porriño. Na súa intervención en Radio Nacional de España, insistiu en que a denuncia ante as autoridades ou as forzas de seguridade é “a única forma de protexelas” e destacou a colaboración sociosanitaria entre o Sergas e os servizos sociais para previr riscos neste ámbito.
García defendeu o compromiso da Xunta co financiamento do SAF, asegurando que o investimento alcanza os 140 millóns de euros e que se acordou coa Fegamp un incremento progresivo da dotación. Con todo, criticou ao Goberno central por reducir a súa participación no financiamento da dependencia, pasando dun 40 % en 2023 a un 34 % en 2024. Subliñou que o Executivo galego aumenta anualmente os recursos destinados a estes servizos, aínda que recoñeceu que "nunca será suficiente" cando se trata de atender persoas maiores e dependentes.
En canto á xestión da dependencia, a conselleira sinalou que as medidas implantadas están a dar resultados, cun total de 42.000 expedientes resoltos en só seis meses. Afirmou que se están axilizando os trámites para garantir unha atención máis eficaz ás persoas que o necesitan, respondendo así a unha das principais demandas sociais neste ámbito.
Outro dos temas abordados foi o posible traslado a Galicia de 317 menores migrantes desde Canarias, Ceuta e Melilla. García reiterou a oposición da Xunta a esta medida, advertindo de que provocaría a creación de macrocentros ou guetos, dado que a Comunidade xa presenta unha sobreocupación do 108 %. Ademais, lembrou que Galicia, xunto a outras autonomías gobernadas polo PP, recorreu o decreto estatal ante o Tribunal Constitucional e pediu ao Executivo central “que recupere o consenso” en materia migratoria.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.