Leiceaga volve recuperar a ilusión dos socialistas

O candidato socialista consegue recuperar a segunda posición que perdera en decembro tras implicarse amplamente na campaña.

Por Xurxo Salgado | Compostela | 26/06/2016 | Actualizada ás 23:53

Comparte esta noticia

Estes comicios foron os das sorpresas, non o dos sorpassos. E se hai alguén que saíu realmente reforzado en Galicia, máis incluso que Alberto Núñez Feijóo, ese é Xoaquin Fernández Leiceaga, 'Xocas'.

Xoaquín Fernández Leiceaga e Pilar cancela, do PSdeG, presentan dez medidas económicas para Galicia
Xoaquín Fernández Leiceaga e Pilar cancela, do PSdeG, presentan dez medidas económicas para Galicia | Fonte: PSdeG.

O candidato socialista era un don ninguén no PSdeG hai dous meses. Conseguiu gañar a todo un todoterreo da política como José Luis Méndez Romeu e nun mes no que non parou conseguiu que moitos votantes volveran recuperar a confianza neste partido.

Xocas conseguiu subir un punto a porcentaxe de apoio ao seu partido, un punto que sabe a gloria e lle serviu para recuperar a segunda posición que o PSdeG perdeu en decembro, logo do sorpasso de En Marea e que os sitúa en primeira liña neses importantes comicios de outono nas autonómicas.

“Estivemos e estamos dispostos a falar”

De feito, a secretaria de Organización do PSdeG, Pilar Cancela, encargouse xa de suliñar na noite electoral que é o PSdeG a alternativa para situar a un goberno progresista na Xunta o vindeiro outono. “Sempre apostamos polo diálogo, desde decembro. E sempre estivemos dispostos a falar, e o fixemos en todos os sitios sen pedir nada a cambio”, indicou “Ese é un partido coherente e responsable e devolveremos a confianza con traballo, traballo e confianza”, indicou.

Ademais destacou os resultados colleitados en Galicia e criticou a Podemos pola “oportunidade perdida” de apoiar un goberno socialista “pola soberbia de Pablo Iglesias que antepuxo os seus intereses partidistas e persoais polo interese xeral”.

“A pesar dunha campaña polarizada e que nos daba por mortos, resulta que foi o PSdeG quen lle deu o sorpasso a todos. O PSOE segue sendo a segunda forza en España e en Galicia”, insistiu Cancela que dixo que é “mérito” da militancia e da xente “que sente e vota socialismo porque queren un cambio pola esquerda e que fora pilotado polo PSOE”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta