Por Galicia Confidencial | A CORUÑA | 19/08/2025 | Actualizada ás 09:00
Hai pouco máis de dez anos, a chispa do humor acendeu algo máis ca risas en Castelo, unha parroquia de Culleredo que, sen sabelo, estaba a piques de converterse nun epicentro cultural de Galicia. O que comezou como unha noite de monólogos para recaudar fondos para as festas acabou converténdose nun festival único: o Castelo Conta. Co Monte Xalo como pano de fondo e as eiras das aldeas como escenarios improvisados, esta cita conseguiu algo que semellaba imposible: levar programación cultural de alto nivel a un espazo rural, contando coa implicación directa dos veciños e co atractivo de nomes recoñecidos do humor e da música galega. Este 2025 a cita conta cun cartel que promete encher de vida, música e boa conversa cada recuncho da parroquia durante dez días.
Desde a organización de Castelo Conta, explican ao Galicia Confidencial que todo comezou "hai uns dez ou once anos" cunhas festas que non saíron como se esperaba. Foi entón cando os veciños lle propuxeron ao gran Touriñán --un dos nomes vencellados ao proxecto-- que organizase algunha actividade con monólogos para recaudar fondos. Aquel primeiro encontro, con catro humoristas participantes, foi un éxito rotundo e asentou a que hoxe é a actividade estrela do festival: a noite dos monólogos, que este ano xa ten esgotadas as súas 1.600 entradas e conta con 11 dos monologuistas máis coñecidos de Galicia: Lucía Veiga, David Amor, Javier Veiga, Oswaldo Digón, Pepo Suevos, Quico Cadaval, Marita Martínez, Patricia Castrillón, Gari Garrido e David Perdomo, todos eles conducidos por Touriñán.
O evento, que tivo o seu punto de partida no ano 2014 --coa pandemia provocando un parón dun ano polo medio--, atrae a público de toda Galicia, e mesmo de fóra da comunidade, grazas a un cartel potente que combina humor, música e propostas para públicos de todas as idades. O feito de celebrarse en Castelo --unha parroquia que conta con arredor de 180 habitantes, a poucos minutos da cidade da Coruña pero un lugar cunha identidade rural marcada--, dálle a esta cita un valor engadido: "Ao final, nas aldeas non é habitual ter un espectáculo de monólogos ou un campamento para rapaces, polo que é interesante poder achegar este tipo de propostas", explican desde a organización.
OS VECIÑOS ABREN AS SÚAS EIRAS PARA O FESTIVAL
Este 2025, ademais, o festival amplía a súa duración a dez días --o ano pasado foron sete-- e inclúe unha novidade: tres xornadas no Monte Xalo, convertendo o lugar nun auditorio natural con concertos, teatro e actividades diversas. A entrada é libre, pero para acceder cómpre adquirir unha pulseira á que lle deron en chamar 'pulseira do monte', cun custo de 10 euros, e que serve como contribución para a conservación da contorna, ademais de ofrecer descontos e vantaxes dentro do festival. A maior parte do orzamento das actividades do festival --máis do 60 %-- é autofinanciado, sobre todo grazas á venda destas pulseiras e ás entradas dalgúns espectáculos de pago, como os monólogos, o concerto de Carlos Núñez ou a gala 'Somos Criminais'. Tamén se conta con patrocinadores e coa inscrición para actividades tradicionais como a andaina e a comida popular do día grande: o 30 de agosto.
O festival non só se desenvolve en escenarios improvisados nas aldeas, senón que entra literalmente nas casas dos veciños: actividades como 'Os contos de Castelo' celébranse nas eiras, convertidas en platós improvisados. Ademais, recupéranse espazos emblemáticos como a antiga taberna Casa Rodríguez --pechada dende o ano 2017 e reaberta o ano pasado durante o festival--, que acollerá este ano sesións vermú, sardiñadas, cursos de canto e pandeireta, xogos tradicionais, degustacións e música en directo. A recuperación deste espazo non só devolve á parroquia a súa taberna histórica, senón que tamén funciona como símbolo da memoria colectiva e da hospitalidade e Castelo. O ambiente que se crea entre paredes cargadas de historia e veciños que se coñecen de toda a vida fai que cada actividade sea algo máis ca un evento: unha celebración da comunidade.
Outro dos momentos especiais deste décimo aniversario é a presentación do himno oficial do festival, unha canción inédita escrita por Sés que fala de Castelo, das súas aldeas e da súa xente. O videoclip foi gravado na propia parroquia coas veciñas e veciños como protagonistas. Así, a implicación veciñal é total: "Sen eles, isto non sería posible: colaboran, abren as súas eiras, arriman o ombro... O festival vive dentro da aldea e convive con ela", destacan desde a organización. Esa é, en definitiva, a esencia de Castelo Conta: un evento que naceu do pobo e para o pobo, pero que conseguiu traspasar fronteiras e converterse nunha referencia cultural en Galicia. En Castelo, o verán xa non se conta en días, senón en historias compartidas durante este festival, risas ao solpor e aplausos baixo as estrelas.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.