Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 20/08/2025 | Actualizada ás 15:40
A Xunta de Galicia interceptou o pasado luns unha lancha neumática con bandeira portuguesa que estaba a pescar de forma ilegal en augas do Parque Nacional Illas Atlánticas, con dúas persoas a bordo.
Segundo informaron fontes da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, activouse un operativo de vixilancia tras o aviso dun particular pola presenza dunha embarcación fondeada ao sueste do illote da Herbosa, nas proximidades de Sálvora.
Axentes do Parque desprazáronse ao lugar e localizaron a lancha nunha pequena cala de augas pouco profundas, con dúas persoas, unha a bordo e outra realizando pesca submarina con chumbos e un fusil.
Durante a inspección, o persoal autonómico procedeu a identificar ás dúas persoas e realizou os controis habituais neste tipo de operativos, constatando que non contaban con ningunha autorización nin permiso para estar na zona.
Por iso, co apoio do servizo de vixilancia da Confraría de Pescadores de Aguiño e da súa embarcación, procederon a tomar fotografías dos feitos, recompilaron o folio e o resto de datos da lancha, e comisaron o fusil de pesca.
Desde a dirección do parque nacional tramitarase o correspondente expediente sancionador por unha presunta infracción do Plan reitor de uso e xestión do parque (PRUX) e da Lei 30/2014 de parques nacionais, que regula en toda España a conservación destes espazos protexidos e da rede que conforman.
O PRUX e a lei estatal prohiben expresamente a caza e a pesca deportivas dentro do ámbito dun parque nacional, ao consideralas actividades incompatibles coa protección e conservación dos seus principais valores naturais.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.