A Xunta estudará todas as vías fronte á condonación da débeda, sen descartar a xudicial

O conselleiro Diego Calvo considera a medida unha “mutualización” do pasivo catalán a costa do resto de comunidades.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 02/09/2025 | Actualizada ás 14:55

Comparte esta noticia

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, avanzou que o Goberno galego estudará todas as vías posibles fronte á condonación da débeda, sen descartar a xudicial. Tal e como trasladou a Delegación do Goberno nunha nota de prensa, o Consello de Ministros aprobou en primeira volta o Anteproxecto de Lei de Medidas Excepcionais de Sustentabilidade Financeira para as Comunidades Autónomas de Réxime Común. Esta norma permitirá ao Estado asumir 83.252 millóns de euros de débeda das Comunidades Autónomas, o que beneficiará a todos os territorios ao reducir o seu pasivo.

No caso de Galicia, a condonación da débeda por parte do Estado alcanza os 4.010 millóns de euros. Isto supón reducir a débeda de Galicia un 33% respecto ao peche rexistrado en 2023. Ante esta situación, o conselleiro mostrou o seu "rexeitamento" ao considerala unha "mutualización" da débeda de Cataluña ao resto de Comunidades e ampliou que estudarán "todos os instrumentos que teñen ao seu alcance".

"Unha condonación é cando quen ten que cobrar esa débeda decide non cobrala e non pasa nada. Neste caso trátase de que o Goberno decide non cobrarlle a Cataluña unha débeda, pero decide que a pague o resto dos españois. Por tanto, cada galego vaise a facer cargo dunha importante cantidade de millóns de euros", reprochou Calvo. Tras ser preguntado polos medios de comunicación expresamente pola posibilidade de abrir unha vía xudicial, Calvo deixou a porta aberta asegurando que "explorarán todas as medidas". "O primeiro que temos que facer é instrumentar todos os recursos ao noso alcance para poder reverter esa situación", concluíu.

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, en rolda de prensa.. XUNTA
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, en rolda de prensa.. XUNTA

DURAS CRÍTICAS DE FACENDA

Pola súa banda, tras a aprobación, a Consellería de Facenda remitiu un comunicado, na mesma liña que Calvo, no que salienta que o Goberno galego "non descaratará ningunha vía, incluída a xudicial, para defender os intereses dos galegos". Non en balde, sostén que, con este paso, o presidente do Goberno, Pedro Sánchez, "quere que todas as comunidades paguemos os compromisos que el adquiriu de forma unilateral cos seus socios independentistas".

Galicia rexeita esta medida porque, insiste "non é unha condonación da débeda, senón unha mutualización, polo que se pagará entre todos". De feito, esgrime que as comunidades "con menos débeda, como é o caso de Galicia, son as que van asumir unha maior cantidade da débeda mutualizada". "Os criterios de repartición son arbitrarios e inxustos e supoñen un trato discriminatorio para os galegos, as que as comunidades máis beneficiadas teñen unha condonación por habitante axustado un 67 % superior á de Galicia. A mal chamada condonación beneficia politicamente ao PSOE, pero prexudica economicamente aos galegos", remarca.

"UN NEGOCIO RUINOSO"

Facenda insiste en que "non implica unha maior capacidade de gasto" por ser "unha operación exclusivamente financeira". "É dicir, o que se aforra en débeda non se pode destinar a investimento", advirte. Así as cousas, reafírmase en que para Galicia é "un negocio runioso", xa que se lle condonan 4.010 millóns de euros (un 4,8 % do total), pero "tería que asumir ademais uns 600 millóns de débeda procedente doutras comunidades cos seus correspondentes intereses". "A cada galego redúceselle a débeda autonómica en 1.477 euros pero pasa a asumir da débeda estatal 1.702 euros, é dicir, cada galego endebédase en 225 euros máis", argumenta o departamento que dirixe Miguel Corgos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta