Médicos piden ao Sergas un plan específico para evitar colapsos coa "previsible epidemia de gripe"

Simega reclama un Plan de Continxencias en Atención Primaria.

Por Europa Press / Redacción | A CORUÑA | 05/09/2025 | Actualizada ás 11:17

Comparte esta noticia

O Sindicato Médico de Galicia (Simega) reclama ao Servizo Galego de Saúde (Sergas) que deseñe xa un Plan de Continxencias en Atención Primaria para combater a "previsible epidemia de gripe que chegará nuns meses" e "evitar así o caos que xera habitualmente en centros de saúde e hospitais".

Nun comunicado, apunta que esas medidas "deben comezar a implementarse agora, para poder asumir o exceso de demanda e xestionar a sobrecarga de traballo da mellor maneira posible". "Se actuamos con previsión as condicións de traballo serán menos estresantes, evitarán sobrecargar outros dispositivos como urxencias extrahospitalarias e hospitalarias e evitaranse declaracións inxustas e innecesarias motivadas por situacións de frustración profesional", engade a central sindical.

Simega apunta algunhas propostas nese sentido, como "suspender solicitudes de analíticas de rutina anuais ou semestrais, informes, peticións de probas de control que poidan demorarse, naqueles períodos de maior incidencia do virus". Así mesmo, suxire que "no caso de que non haxa substitutos pola ausencia de profesionais que se atopen de vacacións, permisos, Incapacidade Temporal ou outros motivos, se informe á poboación afectada para tentar evitar posibles duplicidades de citas".

Ademais, sinala que nos momentos de maior virulencia da gripe "podería bastar unha declaración responsable de ausencia sen baixa laboral certificada polo médico". Tamén, considera "positivo" que leve a cabo unha campaña informativa entre a poboación para explicar aos cidadáns cando acudir ao médico en caso de cadro febril ou gripal.

Unha consulta médica
Unha consulta médica | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta