Este verán foi o máis cálido da serie histórica en Galicia: dous graos por riba da temperatura media

O mes de xullo foi o máis cálido desde 1961.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/09/2025 | Actualizada ás 14:10

Comparte esta noticia

Galicia rexistrou este 2025 o verán climatolóxico (xuño, xullo e agosto) máis cálido da serie histórica, iniciada en 1961, cunha temperatura media de 21,1 graos, dous graos máis do habitual neste período, segundo o informe elaborado por Meteogalicia.

Tomando como referencia a media das temperaturas mínima e máxima, cuxas anomalías foron 2,3 graos e 1,7 graos por encima do previsto, respectivamente, este período considérase "extremadamente cálido".

En concreto, o mes de xuño foi o máis cálido desde 1961, cunha temperatura media de 20,5 graos (2,8 graos máis do normal). A temperatura mínima (2,6 graos máis) foi tamén a máis cálida da serie histórica; e a temperatura máxima (3 graos máis) supuxo o segundo rexistro máis cálido ata o momento. Por tanto, ese mes é considerado extremadamente cálido.

Os meses de xullo e agosto, pola súa banda, foron meses "moi cálidos". No caso do primeiro, a temperatura media foi de 20,9 graos (1,3 graos máis) e as medias das temperaturas mínima e máxima estiveron tamén por encima do esperado, 1,2 e 1,3 graos respectivamente.

Agosto foi o segundo mes máis cálido da serie histórica, e destaca un longo episodio de calor entre os días 2 e 17 do mes. Así, a temperatura media alcanzou os 21,8 graos, superior no normal en 1,9 graos. A media das temperaturas mínimas estivo 1,3 graos por encima, e a media das temperaturas máximas estivo 2,5 graos por encima.

PRECIPITACIÓNS

No que respecta ás choivas, Galicia rexistrou un verán climatolóxico moi seco, cunha precipitación media acumulada entre as 16 estacións máis representativas de 51 litros por metro cadrado, o que supón un 62 % menos ao habitual no período de referencia. De feito, para atopar un verán máis seco hai que remontarse ao ano 1981.

A precipitación media no mes de xuño, moi seco, foi de 18 litros por medio cadrado (un 68 % menos do normal); en xullo, a precipitación media foi de 15 litros por metro cadrado (-55 %) e en agosto foi de 18 litros por medio cadrado (-58 %).

Mapa de temperaturas de Meteogalicia a 11 de agosto de 2025. METEOGALICIA
Mapa de temperaturas de Meteogalicia a 11 de agosto de 2025. METEOGALICIA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta