Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/09/2025 | Actualizada ás 14:51
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, avanzou que Galicia tratará de impulsar un novo ensaio clínico que aborde a efectividade de vacinar fronte ao virus respiratorio sincitial en persoas maiores. Farao, explicou, en colaboración co grupo investigador do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS), que lidera Federico Martiñón. Precisamente aproveitou unha visita este mércores ás instalacións do IDIS para facer o anuncio. Alí estivo acompañado pola directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán, e do xerente da área sanitaria, Ángel Facio, ademais de Luz Couce, a directora científica do IDIS, e Isabel Lista, directora da Fundación.
Así, tal e como explicou, a Xunta de Galicia está á espera de presentar o proxecto ante as axencias reguladoras e o comité ético, que deben autorizalo. Gómez Caamaño espera conseguir a aprobación para, desta forma, poder impulsar un ensaio destinado a reforzar a protección da saúde da cidadanía galega. O responsable autonómico sinalou que a visita se enmarca no compromiso adquirido de achegarse aos tres institutos de investigación sanitaria de Galicia. Neste sentido, lembrou a súa condición de investigador no IDIS e reivindicou o labor científico que realiza a través dos seus máis de 1.400 investigadores e técnicos. Referiuse tamén aos case 50 millóns de euros de financiamento captados o pasado ano para proxectos e aos máis de 1.000 artigos científicos publicados.
"APOSTA POLA INVESTIGACIÓN"
Por outra banda, sinalou que a Administración autonómica busca reforzar a súa aposta pola investigación sanitaria, "que xa se viu plasmada coa integración dos tres institutos no sector público e coa consolidación das primeiras prazas de persoal de investigación como estatutario coa recente incorporación de 33 investigadores". Sobre isto, incidiu en que os profesionais e usuarios da sanidade pública son beneficiarios da investigación sanitaria en Galicia, destacando proxectos que sitúan a Galicia "á vangarda" como o Cringenes, destinado a detectar máis de 300 enfermidades raras en neonatos a través dun cribado xenético.
Tamén se referiu a colaboración entre o seu departamento e o grupo de infectoloxía, inflamación e vacinas do IDIS que levou a Galicia a "ser referente a nivel mundial en inmunización". A este respecto, lembrou que a principios deste mes presentáronse os resultados do ensaio Galflu, que acreditou a efectividade da vacina antigripal de alta carga fronte á vacina estándar en persoas de 65 a 79 anos, reducindo a hospitalización por gripe en case un 32 %. A isto hai que sumar, remarcou, que Galicia foi "pioneira" en 2023 na vacinación dos bebés fronte ao virus respiratorio sincitial, que causaba a inmensa maioría dos ingresos hospitalarios nos primeiros meses de vida dos bebés.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.