Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 20/09/2025 | Actualizada ás 14:29
Máis de 100 representantes de entidades sociais galegas participaron este sábado na constitución dos grupos de traballo do proceso social Lingua Vital, iniciado pola plataforma cidadá Queremos Galego, co obxectivo de avanzar na normalización da lingua galega e garantir a súa presenza en todos os espazos e usos. Segundo explicou o portavoz de Queremos Galego, Marcos Maceira, estes grupos elaborarán nas próximas semanas propostas que permitan executar os acordos unánimes sobre a lingua e reverter a situación de emerxencia lingüística.
O movemento social fai fincapé no malestar da sociedade galega manifestado nas mobilizacións de febreiro e maio de 2025 e de novembro de 2024, cando miles de persoas saíron á rúa para denunciar o incumprimento dos acordos nacionais e internacionais que protexen o galego, como a Declaración Universal dos Dereitos Lingüísticos (1996), a Carta Europea da Lingua Rexionais e Minorizadas (2001) e o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega (2004).
Nesta primeira reunión, avaliouse de maneira sectorial o grao de cumprimento das medidas do PXNLG e identificáronse os principais obstáculos para facelas efectivas. O proceso continuará nas comarcas galegas recollendo propostas de persoas e colectivos locais e rematará coa elaboración dun calendario de accións normativas e executivas para garantir o cumprimento das medidas, así como un compromiso das institucións públicas.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.