Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/09/2025 | Actualizada ás 12:58
O PPdeG valeuse da súa maioría absoluta no Parlamento galego para vetar unha comisión de investigación sobre a vaga de incendios que arrasou este verán máis de 140.000 hectáreas en Galicia segundo o sistema Copernicus, da Comisión Europea. Esta petición foi impulsada polo BNG, que contou co apoio de PSdeG e Democracia Ourensá. Con todo, os populares alegaron que o plan para facer fronte aos lumes da vaga do 2017 "tarda décadas" en ser efectivo e cuestionaron os datos das hectáreas queimadas que aporta a UE.
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, comezou a súa intervención cunha denuncia do xenocidio cometido por Israel contra o pobo palestino e arremeteu cos populares: "Cantos nenos e nenas máis hai que asasinar en Palestina para que lle chamen ás cousas polo seu nome? É un xenocidio que non podemos seguir soportando. É vergoñoso".
Tras iso, Pontón denunciou que esta "catástrofe" dos lumes "máis grandes da historia" en Galicia, con 140.000 hectáreas calcinadas (segundo datos do satélite Copernicus), produciuse pola "cadea de neglixencias" na Xunta. Denuncia que os populares "son uns irresponsables e uns temerarios" por non querer investigar o sucedido para evitar que "dentro dun ano, dous ou tres a catástrofe sexa maior". "Ao PP impórtalle un bledo que arda este país", clamou.
XUNTA, "DESBORDADA"
E é que reprochou que os lumes "desbordaron" á Xunta, "deixando en evidencia a súa incompetencia" ante "o medo, a rabia e indignación" da cidadanía. Aquí cargou contra a xestión do presidente do Goberno galego, Alfonso Rueda, quen "non fixo o seu traballo", posto que "en plena vaga de incendios non estaba no centro de coordinación", senón "na praza de touros de Pontevedra".
De tal forma, Pontón acusa aos populares de "desmantelar" as medidas de prevención do bipartito e achaca a vaga de lumes a "décadas" de abandono do rural, unha política forestal "fracasada" e a eucaliptización. "Esta catástrofe puido evitarse se o goberno o PP tomase outras decisións e aprendese dos seus propios erros", resaltou.
A líder nacionalista reprochou que o plan anticendios (Pladiga) "é un fracaso" e "non había os medios que se necesitaban", cun dispositivo "incompleto" no que se sacaron 300 prazas en plena tempada de alto risco. Reprocha que había motobombas paradas por falta de persoal e que se produciu un "fallo de coordinación" no dispositivo. Cuestiona por que non aumentaron os efectivos en Ourense "como recomendaban os expertos", á vez que sostén que a Xunta deixou 11 millóns en prevención sen executar.
APOIO DE PSDEG E DO
Carmen Rodríguez Dacosta (PSdeG) --"Paremos o xenocidio de Gaza", comezou a súa intervención-- denunciou que os incendios foron "unha catástrofe provocada pola inacción da Xunta". Tamén, recriminou que sete anos despois do ditame da comisión de incendios pola vaga de lumes de 2017 "nada cambiou", o cal "non foi unha sorpresa, foi a crónica dun desastre anun ciado". Unha problemática da que responsabiliza á "política errática e desvaída do Goberno galego".
E é que lamentou "sete anos perdidos que multiplicaron os riscos e levaron ao desastre actual". Resume que se produciu unha catástrofe "provocada pola inacción da Xunta". Rodríguez Dacosta censurou as "carencias" e a "precariedade" no dispositivo antincendios, con "centos de vacantes sen cubrir", motobombas "paradas", "contratos temporais" e "falta de execución orzamentaria". A iso uniuse unha información "opaca, incompleta e partidista".
Mentres, o deputado de Democracia Ourensana, Armando Ojea, reclamou que os orzamentos da Xunta para 2026 aposten por "recuperar" a provincia de Ourense tras os lumes. Cre necesario investigar "cales son as causas" e "que fallou" para que "non se emitan bulos".
REXEITAMENTO DO PP
Pola súa banda, o portavoz popular, Alberto Pazos Couñago, reduciu esta petición de investigación a unha "cerimonia interesada da confusión na que están instalados de maneira permanente" os nacionalistas. Así, xustificou o rexeitamento en que xa se está seguindo a folla de ruta da comisión de investigación por mor de vaga de incendios de 2017, que "se esta desenvolvendo a bo ritmo", aínda que di que é un plan que "tardará décadas en desenvolverse".
Opina Pazos Couñago que esta comisión "non pretende alcanzar unha conclusión se non consolidar un prexuízo". "No linchamento van estar vostedes sós", esgrimiu. Tamén cuestionou o dato de 140.000 hectáreas de Copernicus ao incluír territorio que non é de Galicia nos incendios da provincia de Ourense.
Tras comezar a súa intervención cun agradecemento a "un dos mellores equipos de extinción do mundo", Pazos Couñago considera esta reclamación "un novo chanzo na súa estratexia de difamación (do BNG)". Despois de acusar a Pontón de buscar a "polarización", o portavoz popular enumerou diferentes casos que salpican ao PSOE, como os da muller e o irmán de Pedro Sánchez, para exemplificar que aí os nacionalistas non piden comisións de investigación. "Un noxento modo de entender a política", asegura.
DIMISIÓN DE RUEDA
Tamén o pleno do Parlamento de Galicia rexeitou na tarde deste martes, cos votos en contra do PP, mocións do PSdeG e do BNG que pedían, respectivamente, a dimisión do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o seu reprobación pola onda de incendios sufrida en Galicia este verán. Precisamente a primeira en debaterse foi a dos nacioanlistas, que solicitaba reprobar a actuación da Xunta; do presidente galego, Alfonso Rueda, e da dirección da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático durante a onda de incendios que sufriu Galicia este verán.
O PP DI QUE A AFECTACIÓN A PARQUES NATURAIS FOI "PEQUENA"
Por outra banda, o deputado popular Gonzalo Trenor defendeu que houbo "un esforzo moi importante e un amplo dispositivo" da Xunta para "protexer aos espazos naturais" durante a vaga de incendios deste verán, o que "permitiu que a afección a parques naturais fose pequena". Así o asegurou durante un debate parlamentario no que o PSdeG reclamou á Xunta un plan de choque para a restauración de espazos naturais afectados os lumes. Esta proposición non de lei votarase o mércores, 24 de setembro.
A deputada socialista Pomba Castro alertou da situación "crítica" que vive a conservación destes espazos naturais, que presentan unha "perda de hábitats naturais". Respecto diso, reproba a "opacidade" da Xunta sobre os incendios en Rede Natura. Lamenta que só contan coa estimación da asociación ecoloxista Adega, que cifrou en 38.000 as hectáreas queimadas en Rede Natura, case o 11 % dos espazos con esta figura.
Con todo, Trenor indicou "pequena" afectación en parques naturais, pois apunta que arderon un cinco hectáreas NO Invernadoiro, outro cinco nas Fragas do Eume, unhas dez hectáreas no Xurés e "un par de centos de metros cadrados" en Corrubedo. "Todos estes incendios foron provocados", asegurou. Entre outras propostas, o PSdeG pide, antes de terminar o período de sesións, un informe técnico sobre os danos de lumes, así como un plan de restauración destes espazos.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.