Paipa, en Colombia, acolle Termatalia 2025

Na apertura do evento, e como encontro de culturas, participaron a Real Banda de Gaitas do Ourense, a Banda Sinfónica e Paia, e as escolas de danza locais.

Por Galicia Confidencial | Ourense | 27/09/2025 | Actualizada ás 10:00

Comparte esta noticia

A celebración de Termatalia este ano en Colombia reflicte a clara aposta das autoridades nacionais, rexionais e locais colombianas por engadir o turismo termal como un dos grandes atractivos para visitar “o país da beleza”.

Actuación da Real Banda de Gaitas de Ourense. Foto: Prensa Expourense.
Actuación da Real Banda de Gaitas de Ourense. Foto: Prensa Expourense.

Termatalia contribuirá á creación da folla de roteiro do desenvolvemento do termalismo como un produto turístico, xa que se converteu no escenario no que converxeron todos os axentes, públicos e privados, que serán os responsables de redactar as normativas para promover e regular o turismo termal deste país.

A inauguración de Termatalia Colombia 2025 celebrouse o pasado mércores 24 de setembro no Parque Jaime Rook de Paipa. Os veciños da municipalidade termal saíron á rúa para recibir aos participantes da feira que percorreron o centro da cidade acompañados pola Real Banda de Gaitas de Ourense. Foi unha emocionante tarde de convivencia e intercambio cultural na que o termalismo compartiu escenario e aplauso coas actuacións da Real Banda de Gaitas de Ourense e da Banda Sinfónica de Paipa e tamén con varios espectáculos de danza autóctona.

O acto inaugural de Termatalia Colombia 2025 contou tamén coa participación do alcalde de Paipa, Germán Ricardo Camacho, que exerceu de anfitrión do evento; do asesor de Rexións da Gobernación de Boyacá, Fabio Medrano; do representante do Ministerio de Comercio, Industria e Turismo do Goberno de Colombia, Juan Sebastián Sánchez; do presidente da Asociación Hostaleira de Colombia, José Andrés Duarte; da responsable da área de Termalismo da Xunta de Galicia, Belén Gómez Quevedo; do presidente do Instituto para a Calidade Turística Española e a Sustentabilidade, Miguel Mirones, e do director xerente de Expourense e director de Termatalia, Rogelio Martínez. O director de Termatalia indicou durante a súa intervención que esperaba que “este evento obteña os mesmos éxitos que as edicións anteriores celebradas en Perú, Arxentina, México, Brasil e Uruguai e cuxos organizadores dixeron que a celebración de Termatalia no seu país supuxo un antes e un despois no desenvolvemento e promoción dos seus recursos termais. Desexamos que así sexa tamén en Paipa-Boyacá e que podamos comprobalo a curto prazo”. Fixo referencia tamén a que “Colombia teno todo para converterse nun destino termal de referencia, ten augas minerais en calidade e cantidade, ten infraestruturas, ten usuarios nacionais e internacionais e, sobre todo, ten moitas ganas”.

Os principais socios de Expourense na organización de Termatalia Colombia, a Alcaldía de Paipa e a Gobernación de Boyacá, destacaron neste acto que esta feira supón unha gran oportunidade para impulsar a economía local nun municipio no que a xestión termal é pública e no que os beneficios xurdidos da explotación das súas augas termais volven reverter na poboación. Foi o primeiro en crear un Instituto Termal de carácter municipal e hoxe en día é unha referencia en todo o país.

Presentación de Termatalia Colombia 2025. Foto: Prensa Expourense.
Presentación de Termatalia Colombia 2025. Foto: Prensa Expourense.

CANDIDATURA DE COSTA RICA PARA 2027

Mostra do interese que suscita Termatalia en América Latina é que, nesta primeira xornada de feira, Expourense xa recolleu a primeira candidatura para acoller Termatalia no ano 2027 (en 2026 será en Ourense), a de Costa Rica – A Fortuna. Unha ampla delegación de representantes institucionais e empresarios do sector termal desprazáronse ata Paipa para asistir ao evento e presentar esta candidatura.

Termatalia Colombia 2025 continuará ata o venres 26 de setembro ofrecendo formación especializada a través do VI Congreso Internacional sobre Auga e Saúde e dos paneis especializados sobre termalismo nos que participan 55 relatores de 13 países.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta