Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/09/2025 | Actualizada ás 14:28
O BNG presentou no Congreso unha pregunta relacionada co 'Foro a Toja', que se celebrará do 2 ao 4 de outubro na Illa da Toxa, para reclamar ao ministro de Economía, Carlos Cuerpo, que non participe nun evento que "non cumpre coa legalidade lingüística" ao non respectar o topónimo oficial e que inclúe a participación do que foi primeiro ministro israelí, Edhud Olmert.
Diso informou a formación nacionalista nun comunicado, no que pide ao Executivo estatal que esixa á organización que retire a participación do que foi primeiro ministro de Israel baixo cuxo mandato levou a cabo a Operación Chumbo Fundido sobre a Franxa de Gaza.
O BNG sostén que se trata dun "criminal de guerra sionista" que ocupou "altos cargos" no goberno de Ariel Sharon e que se converteu en primeiro ministro entre o 2006 e o 2009, época na que "foi responsable da Operación Chumbo Fundido", "artífice da devastación e da destrución de Gaza entre os anos 2008 e 2009, coa morte de miles de palestinos, destrución de hospitais, escolas, vivendas e moitas infraestruturas".
Ademais, o Bloque volveu a denunciar neste VII edición a "deturpación do topónimo A Toxa" e a negativa da organización a cumprir coa legalidade lingüística vixente".
Ante todo iso, o BNG incide en que "o Goberno debe negar o seu apoio público ao evento" e dirixirse á organización para que asuma a "legalidade vixente e respecte o nomenclátor establecido pola Xunta e a retirada da participación de representantes do sionismo".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.