Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/10/2025 | Actualizada ás 14:26
A líder do BNG, Ana Pontón, ironizou con que "as vacacións só están sobrevaloradas cando non se trata dun presidente do Partido Popular", en relación cos días de descanso que se está tomando o titular da Xunta, Alfonso Rueda. Así se pronunciou a portavoz nacional do Bloque a preguntas dos xornalistas sobre o cambio do pleno do Parlamento desta semana, modificación que se realizou a finais do pasado xullo.
Pola súa banda, fontes do Goberno autonómico informaron este domingo de que Alfonso Rueda pasará "uns días de descanso, sen actividade pública" tras cancelar en agosto as súas vacacións familiares ante a vaga de incendios que afectou a Galicia, especialmente á provincia de Ourense e tamén ao sur de Lugo.
Por outra banda, Pontón afirmou que o BNG dará o seu voto favorable á lei de mobilidade sustentable no Congreso dos Deputados, a pesar de entender que "ten deficiencias" e gustaríalle que fose "un pouco máis aló".
CORRUPCIÓN
A outra pregunta dos medios de comunicación, en concreto sobre os pagos en metálico que a UCO localizou do PSOE a José Luís Ábalos e o seu exasesor Koldo García, a portavoz nacional reiterou a posición "moi clara" do Bloque respecto diso da corrupción: "Que se investigue ata o final, caia quen caia. Non podemos ter ningún tipo de conivencia con prácticas corruptas", dixo.
Neste sentido, insistiu en que o BNG "é un exemplo fronte ao que se está vendo da política estatal", cun PSOE "investigado" e un PP "condenado por corrupción". "Os galegos teñen ao BNG que non ten a nin unha soa persoa condenada por corrupción", reivindicou.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.