Por Europa Press / Redacción | PONTEVEDRA | 06/10/2025 | Actualizada ás 15:50
A Fundación Secretariado Xitano (FSG) inaugurou este luns a súa nova sede no barrio pontevedrés de San Roque, concretamente no número 20 da rúa Campo da Torre. O acto contou coa presenza do director xeral de Inclusión Social da Xunta de Galicia, Arturo Parrado, e da concelleira de Benestar Social do Concello de Pontevedra, Anabel Gulías.
A FSG é unha entidade intercultural e sen ánimo de lucro que leva máis de catro décadas promovendo a igualdade de oportunidades para a poboación xitana en España e en Europa. En Pontevedra, traballa de forma continuada desde hai máis de 20 anos, en colaboración co Concello. Desde 2002, a súa sede estaba situada nun local municipal da Casa Azul, tamén cedido polo concello.
Durante a inauguración, tanto Parrado como Gulías agradeceron o labor da Fundación en ámbitos crave como a mellora da calidade de vida, a educación, a inserción laboral e a promoción de hábitos de vida saudables entre a poboación xitana. Tamén houbo espazo para unha mensaxe firme contra os prexuízos, a discriminación e os discursos de odio que seguen afectando a este colectivo.
Un dos programas máis relevantes que desenvolve a Fundación en Pontevedra é o Programa Municipal de Seguimento Escolar e Compensación Educativa Externa, impulsado xunto á Concellaría de Benestar Social. Trátase dunha iniciativa pioneira en Galicia que naceu hai 22 anos co obxectivo de favorecer a normalización educativa do alumnado xitano.
O programa busca reducir o abandono e o fracaso escolar, mellorar o rendemento académico e incentivar a continuidade en estudos medios, superiores ou formación profesional. A partir deste luns, as "aulas de reforzo educativo" do curso 2025-2026 desenvolveranse nesta nova sede, e están dirixidas a estudantes xitanos do último ciclo de Educación primaria e de Educación Secundaria Obrigatoria (ESO).
Este curso destaca tamén por garantir a plena inclusión dunha alumna con perda auditiva, que contará co apoio dunha intérprete de lingua de signos, a través do programa Comunico, xestionado polo Concello de Pontevedra. Ademais do reforzo académico, o programa contempla actuacións de apoio psicosocial e mediación familiar. Con esta nova sede, a Fundación Secretariado Xitano dá un paso máis no seu compromiso coa comunidade e cunha Pontevedra máis inclusiva, equitativa e cohesionada socialmente.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.