Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/10/2025 | Actualizada ás 12:42
A popular Mariola Sampedro converteuse este luns na nova alcaldesa do municipio coruñés de Ribeira, tras prosperar a moción de censura promovida por Partido Popular e Partido Barbanza Independente (PBBI) para derrocar ao nacionalista Luís Pérez Barral. Os 13 votos que sumaron populares e independentes --fóra de Tania Redondo e Luís Furones-- no pleno celebrado este luns bastaron para arrebatar o bastón de mando a Pérez Barral, que chegara á Alcaldía nas eleccións municipais de 2023 grazas ao apoio do edil socialista e do cinco do PBBI.
Tras o debate da moción e a votación que a proclamou alcaldesa, Sampedro tomou a palabra para manifestar o seu agradecemento tanto a "a súa familia, equipo e a toda a xente quérea e confía nela". "Non hai honra máis grande que ser alcaldesa do sitio no que naces, non hai resonsabilidad máis grande que servir a todas as miñas veciñas e a todos os meus veciños. Hoxe non é un día para grandes discursos, pero si quero adquirir un commpromiso con todos vós, un compromiso baseado nos principios que aprendín desde ben pequena", aseverou emocionada.
Entre aplausos e tras baleirarse parte do Auditorio Vello de Ribeira, no que se celebrou o pleno extraordinario, Sampedro reiterou o seu compromiso en que "a lealdade, o traballo e o esforzo estarán desde o primeiro ata o último día do seu mandato". Así mesmo, destacou que "esixirá gobernar desde o respecto, desde a educación e desde a honestidade, un compromiso en que seguirá mirando á xente aos ollos con franqueza, entendemento e fóra da trincheira política".
En concreto, o PP de Ribeira presentou unha moción de censura xunto a catro concelleiros do PBBI para devolver aos populares, con Mariola Sampedro á fronte, á alcaldía, que desde as eleccións municipais do 2023 estaba en mans do nacionalista Pérez Barral. O documento foi asinado polos 10 edís do PP e catro dos cinco que os independentes teñen na corporación, a excepción do concelleiro de Sanidade, Juan Luís Furones. Con todo, unha das concelleiras do PBBI que asinou a moción, Tania Redondo, pasou a ser concelleira non adscrita tras denunciar nos últimos días "acoso e presións" e renunciar a continuar formando parte do partido.
LONGO PLENO DE CASE TRES HORAS
Foi un pleno longo --de case tres horas--, con continuas interrupcións e no que as acusacións cruzadas, os insultos --como vendido, traidor, pinocho-- e a tensión foron as protagonistas, todo iso nun auditorio a rebordar con centos de veciños que non quixeron perderse a moción. De feito, case unha hora antes de que dese comezo esta, unha longa cola de ribeirenses déronse cita ás portas do edificio para poder acceder á moción, aínda que algúns tiveron que seguir o acto desde unha pantalla no exterior.
Neste contexto, foron varios os representantes políticos que tamén se deixaron ver este luns no pleno, como a secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado; os deputados populares Carmen Pomar, Alberto Pazos Couñago, Julio García Comesaña; os deputados socialistas Aitor Bouza e Patricia Igrexas; e o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, entre outros. Antes de que comezase o acto, os presentes --ao redor de 300 persoas-- deixaron entrever o polarizadas e divididas que estaban as súas posturas, uns en contra da moción de censura e outra parte do público a favor do cambio de goberno. Asubíos, apupos, aplausos e berros de 'chaqueteros e traidores' foron algunhas das consignas dos veciños, que denunciaron ante os medios que aqueles que promoven a moción de censura "nin sequera din aos veciños cal é o proxecto de goberno e o custo do cambio de chaqueta".
CRUZAMENTO DE REPROCHES
A primeira en tomar a palabra foi Sampedro, quen, entre aplausos, berros de 'alcaldesa' e apupos dun auditorio bastante polarizado, apelou á necesidade dun cambio e defendeu a moción de censura como un acto "lexítimo, democrático e profundamente responsable". A continuación, lembrou que, no seu momento, o Partido Popular "acatou con deportividade as regras da democracia" e actuou "de forma construtiva, sen torpedear proxectos a pesar do sectarismo co que foron tratados".
Pola súa banda, o alcalde saínte, Pérez Barral, instou aos presentes a mirar ao portavoz do PBBI, Vicente Mariño, e á concelleira tamén independente Herminia Pouso, aos que acusou de representar "a traizón". Neste contexto, parte do público comezou a gritar "traidores, corruptos e vendidos". "Grazas por arrouparnos neste acto onde se nos fai unha moción sen ningún tipo de motivo obxectivo, senón que responde a intereses partidistas particulares dos concelleiros que a subscriben", aseverou Pérez Barral entre aplausos e berros de 'alcalde'.
Nesta liña, o nacionalista aproveitou a súa primeira intervención para insistir en que a moción levada a cabo contra el "non se sustenta en ningún motivo obxectivo, senón que se subscribe baixo coaccións". Cómpre lembrar que a concelleira do PBBI Tania Redondo --á que parte do auditorio recibiu entre berros de valente-- denunciou "acoso e presións" para asinar a moción e nos últimos días pasou a ser non adscrita tras renunciar a continuar formando parte do partido.
Neste contexto, a edil --que votou en contra da moción-- instou ao novo goberno municipal a "non traballar para unhas siglas políticas". Algo semellante defendeu Juan Luís Furones, tamén non adscrito tras deixar de formar parte do PBBI, neste caso, el non asinou a moción desde o principio. "No ano 2023 máis do 50 % da poboación elixiu outra opción que non foi a do PP. Puxémonos de acordo para formar un goberno baixo a premisa de non apoiar casaríos nin pleitesías, non vender dereitos coma se fosen favores e manter lealdade nas palabras", esgrimiu Furones.
BERROS DE 'TRAIDOR' E 'VENDIDO'
Os momentos máis tensos da moción vivíronse durante a intervención do portavoz do PBBI, Vicente Mariño, que foi apupado baixo berros de 'Judas', 'fóra', 'pinocho', 'traidor' e 'vendido', entre outros. De feito, o presidente da mesa de idade chamou á orde en varias ocasións debido ás risas e aos insultos que proferiron algúns dos presentes, chegando mesmo a pedir a intervención da Policía Local, que finalmente expulsou a unha muller do público.
Aínda así, Mariño aproveitou para defender esta moción de censura, unha moción que, segundo destacou, "é para censurar a acción de goberno do señor Pérez". "O goberno municipal acaba hoxe non por traizón do PBBI como así se nos acusou, senón que chega ao seu fin por incumprimento reiterado", asegurou. "Recordo que este era un tripartito non unha maioría absoluta do BNG, non era un goberno nacionalista, Ribeira non é nacionalista e non tiña un goberno nacionalista", aseverou. Ademais, acusou ao BNG de "actuar de forma unilateral", "adoutrinar" aos nenos a través da concellaría de Educación, con "sectarismo" e de "buscar confrontación coa Xunta".
PÉREZ BARRAL FALA DE INTERESES "PARTIDISTAS"
O alcalde saínte e agora portavoz do BNG en Ribeira, Luís Pérez Barral, insistiu nos intereses "partidistas" da moción de censura. "O que vimos hoxe foi unha moción de censura que responde unicamente a intereses partidistas, que non responde o interese xeral dos veciños de Ribeira", sinalou. Ademais, lembrou que promotores da moción denunciaron no seu momento presuntas ofertas económicas por altos cargos do Partido Popular para "facer imposible" o acordo de goberno ao que se chegou en 2023.
Por iso, en declaracións aos medios tras a moción de censura, cuestionou que, "se antes houbo esas ofertas, agora que os motivou a facer esa moción de censura, porque non hai nin un só argumento obxectivo para facer esa moción de censura". Neste contexto, asegurou que "vai fiscalizar o traballo que vai facer este novo goberno para evitar que volva o modelo atrasado do Partido Popular, onde primaban os favoritismos". "A mensaxe que quero dar a todos os veciños é de esperanza, porque por moitas flores que arrinque, non van parar a primavera que se acaba de formar en Ribeira", concluíu o xa exalcalde.
PONTÓN VE "BOCHORNOSA" E FEITA CON "MANOBRAS ESCURAS" A MOCIÓN
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, censurou a "bochornosa" moción de censura de Ribeira, coa que o PP demostra, ao seu xuízo, o "nerviosismo" respecto da evolución electoral dos nacionalistas. Unha moción da que, ademais, criticou que "se fixo con presións" e "manobras escuras" e "pon de manifesto o nerviosismo dun PP que quere facerse co poder sen ter en conta a máis mínima ética" nin aos veciños. "Hoxe bochornosamente triunfará pero os veciños de Ribeira en 2027 porán no seu lugar e estou convencida de que o próximo alcalde será Luís Pérez", remarcou, en rolda de prensa despois de reunirse con representantes da Fegamp (federación galega de municipios e provincias).
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.