Por Galicia Confidencial | Galicia | 08/04/2009
Sudán realmente son dos países de facto dende a independencia de Gran Bretaña en 1956. A área septentrional, árabe e musulmá, controlada polo goberno de Jartum, e Sudán do Sur, con poboacións cristiás e animistas, e con todos os grandes recursos do país, petróleo incluído. Aquí se librou unha cruenta guerra civil até os acordos de paz de 2005, firmados polo goberno e o Sudan People Liberation Army (SLPA). Con máis de dous millóns de mortos e catro millóns de desprazados ás suas costas o proceso de paz culminará cun referéndum de independencia en 2011. A realidade é que se está dando un rearme a grande escala como puxo de manifesto o contido de buques asaltados polos piratas somalíes, que unhas veces dan cun pesqueiro galego ou vasco e outras cun barco cheo de tanques con destino a Sudán do Sur, vía Etiopía, Eritrea ou Uganda.
O goberno oficial de Sudán, islámico e apoiado por China, atópase na lista negra dos USA. Cómpre lembrar que en febreiro de 2007, George Bush presidente do Imperio, creou un novo mando militar para loitar contra Al Qaeda no Corno de África e na franxa do Sahel. Para iso nomearon como xefe do USA Africa Command (con sé en Sttutgart) a William Kip Ward, o único militar de raza negra que loce catro estrelas e posúe unha ampla experiencia en África. Isto si que se chama integración racial, sensibilidade e interacción coa comunidade local coa que se traballa. Bombas afroamericanas. Dacordo co ideólogo militar daquela, Peter Pace, presidente da Xunta de Xefes do Estado Maior: Os terroristas queren establecer un califato dende España, toda Europa, África, a través de Asia e Indonesia. Ese é o noso desafío, e necesitamos prepararnos para facerlle fronte. O Mando de África é, na miña opinión, a forma axeitada de facerlle fronte. Ese mando conta xa no seu haber coa invasión de Somalia, o apoio ao rexime autoritario de Meles en Etiopía e o rearme do SPLA. Tendo en conta todo isto comprendemos mellor a defensa do presidente de Sudán por parte da Liga Árabe e podemos ver nesa condena a Bashir (non por iso menos merecida) a sombra alongada do affair Gadaffi nos anos 80, antano un terrorista e agora un tipo respectado pola comunidade internacional.
En febreiro e marzo deste ano tivemos ocasión de traballar na rexión etíope de Gambela, limítrofe con Sudán; alí puidemos ver as ruínas arqueolóxicas de acampamentos clandestinos de entrenamento do SPLA, redescubrir arsenais abandonados cos rifles G3 e FN FAL, protagonistas das guerras civís sudanesas entre 1955 e 2005 (vid. http://guerraenlauniversidad.blogspot.com) e documenta-la cultura material de comunidades étnicas que non entenden de Estados, como os míticos nuer, os anyuak ou os refuxiados sudaneses. Falando co xefe dun destes grupos, reasentados en poboados polo Estado etíope, soubemos que se mantiveron en Sudán do Sur apoiando unhas veces ao Goberno (cando gañaban) e ao SPLA (cando gañaban). Chegou un momento que esta ambigüidade non chegaba, comezaron a ter problemas e fuxiron para a rexión de Gambela. Co inicio do proceso de paz algunhas familias voltaron á súa terra. Lonxe de resistirse ao Estado preferiron integrarse en acampamentos da Cruz Roxa, onde tiñan todo feito. Toda unha lección de economía política neste mundo globalizado.
Dende Gambela parte unha pista de terra cara a Sudán, pero non chega á fronteira. O camiño remata de súpeto a escasos catro kilómetros de Sudán dando paso a unha chaira brañenta inmensa. Se un prende o GPS constata que hai uns catorce satélites ianquis rosmando polo ceo. Un coche abandonado hai anos no medio e medio da pista conserva dous buratos circulares na lúa dianteira, senllas marcas deixada polas cabezas do conductor e o copiloto. Entre ferruxe e boleira aínda se pode ver unha incrición: O Señor vai con nós.
Xurxo Ayán é arqueólogo e investigador do Laboratorio de Arqueoloxía da Paisaxe do Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento (CSIC).http://neixon.blogspot.com/