Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 13/07/2016 | Actualizada ás 09:23
As universidades galegas perderon entre 2011 e 2014 un 7,5 por cento o seu persoal docente, uns 400 profesores menos, segundo datos da Conferencia de Reitores. O organismo que agrupa aos dirixentes das universidades tamén sinala que os tres centros galegos perderon o 7,5% do seu cadro de persoal docente, máis que a media estatal, que está no 5,7%.
Nas universidades de Vigo, A Coruña e Santiago traballaban 7.605 persoas en 2013 (unicamente o 5% do cadro global en todo o Estado) dos cales uns 4.500 eran persoal docente e investigador.
Conflito na USC
A insuficiencia de profesores provocou mobilizacións incluso nun colectivo tan pouco dado a protestar como os profesores universitarios. Na Universidade de Santiago (USC) existe por exemplo unha Coordinadora de Profesores Acreditados a Cátedra que reclama que a institución recoñeza o que académicamente gañaron. A USC anunciou recentemente que creará catro prazas para novos catedráticos, cifra que os citados profesores cualificaron de ridícula.
Malos datos tamén no referido ao orzamento. Entre 2010 e 2016 as universidades do país quedaron sen un 15% dos seus ingresos, mentres que en España a caída era do 11%.
Taxas
Con todo, tamén hai aspectos positivos na evolución das universidades galegas. Todas as Comunidades Autónomas incrementaron no período 2008/2013 os seus prezos públicos para o ensino superior. Galicia coa menor intensidade, 5,1 % e Catalunya alcanzando cotas máximas cun 158%, seguida da Comunidad de Madrid cun 117% e a Comunidade Valenciana cun 93%. De feito, en 2014 as universidades galegas recaudaron menos por matrículas que en 2013, feito inédito no Estado.
Con 713 euros de media, Galicia é a autonomía máis barata de España para cursar estudios universitarios. Se comparamos coa renta per cápita media das familias, só no País Vasco hai que facer menos esforzo para cursar estudios superiores. Isto supón, loxicamente, que nestas autonomías as facultades dependen máis dos cartos que reciben dos gobernos autonómicos.
Debate no Parlamento
Este asunto foi obxecto de debate onte no Parlamento. O PSOE propuxo comezar con plans específicos de a lo menos 5 anos que afronte as necesidades de profesorado, así como habilitar crédito ad hoc para a contratación de persoal fora do plan de financiamento. Unha proposta que foi rexeitada pola maioría do PP, argumentando que as universidades e a Xunta xa acordaron motu proprio un plan de financiamento a varios anos.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.