Por Galicia Confidencial | Galicia | 21/04/2009 | Actualizada ás 18:18
A Presidencia da Xunta asume a Secretaría Xeral para o Deporte así como unha nova Secretaría Xeral de Modernización e Tecnoloxía, a Secretaría Xeral de Igualdade (antes dependente da Vicepresidencia) e manten Emigración e a Secretaría Xeral de Comunicación.
A Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza contará con sete direccións xerais, entre elas unha que fusionará as anteriores secretarías xerais de Relacións Institucionais e de Relacións Parlamentarias. Tamén coordinará a Secretaría Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea.
A Dirección Xeral de Función Pública pasa a Facenda. A Consellería de Economía e Industria terá entre as súas competencias todas as da anterior Innovación e Industria e, a maiores, o Igape, XesGalicia ou BIC Galicia.
Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas asume as direccións xerais de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes e converte a anterior Consellería de Vivenda no Instituto Galego de Vivenda e Solo, como na anterior Xunta de Fraga. Desaparece SPI e Aceusa e ccrease a Axencia Galega de Estradas. Toda a política de ordenación do territorio queda integrada neste departamento, que tamén asume a maior parte das competencias da antiga Consellería de Medio Ambiente. Así, xestionará Augas de Galicia e crea unha Dirección Xeral de Sostenibilidade e Paisaxe.
Pola súa banda, Medio Rural incorpora ás súas competencias a Dirección Xeral de Conservación da Natureza. A Dirección Xeral de Industrias Agropecuarias únese a Industrias Forestais.
A área de Sanidade mantén a mesma estrutura que co bipartito aínda que unifica as dúas direccións xerais que tiñan no departamento de Sanidade Pública e Planificación.
O departamento de Cultura recupera as competencias de Turismo nunha Secretaría Xeral, mentres que o de Educación asume Política Lingüística e unha nova Secretaría Xeral de Universidades, que englobará dúas direccións xerais actuais. Ademais, amplía a súa estrutura cunha Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.