Por Galicia Confidencial | Lugo | 22/07/2016 | Actualizada ás 17:00
O voceiro do Goberno da Deputación de Lugo, Álvaro Santos Ramos, presentou este venres a moción que o grupo provincial socialista presentará ao vindeiro Pleno Provincial en defensa da inclusión da Linguaxe de Signos na educación obrigatoria.
Esta moción insta á Xunta de Galicia e ao Goberno Central a impulsar e promover a linguaxe de signos dentro do sistema educativo a través dunha oferta plural de actividades e recursos que faciliten a súa incorporación á formación do alumnado.
Tamén reclama impulsar e promover a ensinanza da linguaxe de signos no ámbito das posibilidades de formación do profesorado. E, a través da Conferencia Sectorial de Educación, insta ao Ministerio de Educación á promoción da ensinanza da linguaxe de signos no sistema educativo mediante a creación dun programa específico con dotación orzamentaria propia, adicado a este fin e dirixido ao alumnado, docentes e familias. Fimalmente, reclama a promoción da inclusión da ensinanza da Lingua de Signos na educación obrigatoria.
O voceiro do Goberno da Deputación presentou esta moción xunto ao Presidente da “Asociación de Personas Sordas de Lugo” (ASORLU), Brais Vila, que agradeceu ao grupo provincial socialista esta iniciativa.
Segundo datos oficiais da Consellería de Política Social, o número de persoas en Galicia que sofren unha discapacidade sensorial é de case 40.000. Destas, unhas 3.800 son da provincia de Lugo.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.