Cuncha de mexillón para reducir a contaminación por mercurio

Unha tese da Universidade de Vigo propón alternativas de reutilización destes residuos co obxectivo de minimizar os riscos ambientais que poidan derivarse da súa acumulación e abrir novas fontes de ingresos.

Por Galicia Confidencial | Ourense | 28/07/2016 | Actualizada ás 14:41

Comparte esta noticia

A cuncha de mexillón ten un alto potencial descontaminante de mercurio, un metal pesado cunha elevada mobilidade no medio ambiente e gran capacidade para bioacumularse na cadea trófica e, polo tanto, afectar ao ser humano. Así o conclúe a tese de doutoramento da investigadora Susana Peña, quen puxo a proba a capacidade da cuncha de mexillón para tal fin.

Microfotografía de microscopía electrónica de barrido dunha mostra de cuncha de mexillón analizada
Microfotografía de microscopía electrónica de barrido dunha mostra de cuncha de mexillón analizada | Fonte: DUVI.

A tese, presentada na Facultade de Ciencias do campus de Ourense, foi dirixida polo profesores da Universidade de Vigo Juan Carlos Nóvoa e Manuel Arias e levou por título Influencia dos procesos edáficos na distribución de Hg en solos naturais e aplicación de residuos agroalimentarios na inmobilización de Hg. O estudo, explica a investigadora, marcouse tres obxectivos principais. O primeiro foi coñecer o papel dos compoñentes dos solos e dos procesos edafoxenéticos na distribución e comportamento xeoquímico de mercurio en solos non contaminados con este metal. O segundo foi estimar os factores de enriquecemento de mercurio que presentan os solos. Por último, a investigación avaliou “a potencialidade da concha de mexillón, un residuo de baixo custe derivado da industria alimentaria, na eliminación de mercurio en masas de augas contaminadas”, explica a autora nunha información de Rosa para o DUVI.

A elección deste material para a realización do estudo debeuse á relevancia que ten no sector produtivo galego. Segundo os datos recollidos nela e tomados do Instituto Galego de Estatística, a produción de mexillón en Galicia no ano 2012 ascendeu a 227.233 toneladas, correspondendo a algo máis do 12% da produción mundial. “Estímase que arredor de 120.000 toneladas de mexillón son procesadas cada ano en Galicia pola industria conserveira, xerándose grandes cantidades de residuos, principalmente cunchas”, comenta a doutora. A cuncha supón arredor dun 32% do peso total do mexillón, polo que en Galicia a cantidade de residuo de concha de mexillón xerado variaría entre 65.000 e 94.000 toneladas, dependendo da produción anual. Dada esta elevada cifra, comenta Susana Peña, xorde a necesidade para o sector de buscar alternativas de reutilización destes residuos co obxectivo de minimizar os riscos ambientais que poidan derivarse da súa acumulación no medio natural ao mesmo tempo que se abren novas fontes de ingresos.

CUNCHA DE MEXILLÓM CALCINADA 

Segundo recolle a investigación, a pesar de que existen estudos sobre o uso da cuncha de mexillón para a depuración de augas e estudos doutros materiais para inmobilizar mercurio, a capacidade de adsorción de mercurio por parte de material derivado dos residuos de cuncha de mexillón apenas foi avaliada con anterioridade. Esta alternativa foi analizada por Susana Peña na súa tese de doutoramento, valorando diferentes graos de procesamento previo da cuncha de mexillón (moenda fina, moenda grosa e calcinado) e tamén valorando a interferencia na inmobilización de mercurio pola concha de mexillón por parte doutros elementos habituais en augas contaminadas, como fósforo. Durante a investigación realizáronse experimentos de adsorción-desorción de mercurio empregando dúas aproximacións metodolóxicas diferentes, tipo batch e en cámara de fluxo axitado.

Na investigación atopouse que “a cuncha de mexillón calcinada é o material co máis alto potencial de adsorción de mercurio e a porcentaxe máis baixa de desorción de mercurio entre os tres tipos de concha estudados”. Esta concha calcinada amosou tamén a porcentaxe máis alta de calcita na súa composición e a única que contiña dolomita. “A alta irreversibilidade dos procesos de adsorción amosa o alto potencial descontaminante da concha de mexillón calcinada”, sinala a investigadora.

Como mostra do seu potencial para purificar auga contaminada con mercurio, indica que nos experimentos con cámara de fluxo axitado realizados un só gramo de concha de mexillón calcinada podía reducir á metade a concentración de Hg2+ nun volume de auga contaminada próximo aos 500 ml. A presenza de fósforo, detectouse no estudo, aumenta a adsorción de mercurio por parte das mostras de concha nos dous tipos de aproximacións experimentais avaliadas. “Tanto a concha calcinada como a triturada serían útiles para a eliminación de mercurio, tanto en presenza como en ausencia fósforo en disolución, obténdose mellores resultados coa calcinada pero coa contrapartida dun maior custe de produción na obtención deste residuo”, afirma a investigadora.

“Dada a eficiencia e utilidade deste sistema na purificación de auga contaminada con mercurio, sería oportuno profundar na investigación co fin de lograr procesos que conduzan a un maior rendemento destes sistemas baseados en adsorbentes de baixo custe”, indica por último a investigadora, que realizou a súa tese no marco da Agrupación Estratéxica Centro de Investigacións Agroalimentarias e do Grupo de Investigación AA1 Investigacións Agroambientais e Alimentarias da Universidade de Vigo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta