Temas: FUXIDAS

Medio século celebrando o mellor xamón de Galicia

A Feira do Xamón da Cañiza celebra o seu 50 aniversario cun completo programa que inclúe, entre outras actividades, un concurso de cortadores de xamón, concertos e a presentación dun documental.

Por GC Tendencias | A Cañiza | 09/08/2016 | Actualizada ás 12:00

Comparte esta noticia

Nava Castro, Directora da Axencia de Turismo de Galicia, e Miguel Domínguez, alcalde da Cañiza, presentaron aos medios a programación de festas desta 50 edición que se celebra o 15 de agosto na Carballeira do Cacharado.

Carros de bois con xamón
Carros de bois con xamón

Esta celebración especial comeza hoxe baixo o lema “Xamón de A Cañiza: 50 anos de Feira” e inaugúrase coa presentación da publicación e do video documental sobre estes 50 anos de festa. Historia, lembranzas, agradecementos e moitas imaxes que conxugan medio século de festas.

A devandita presentación está programada para as 19.00 h. no Salón de Plenos do Concello e contará coa presenza da produtora e directora do video documental, Cristina Maró que contará todo o relacionado coa gravación do video.Tamén se presentará unha publicación que pretende ser unha compilación de vivencias e aberta a incluír novas aportacións de protagonistas da festa para futuras reedicións. Participará o ex alcalde César Mera contando anécdotas acontecidas nas 35 edicións que lle tocou  organizar e espérase que os participantes conten as súas experiencias entorno á festa nunha sorte de coloquio aberto ao público.

O mércores 10 de agosto, sobre as 19.00 h., o prestixioso xamoneiro cañicense Víctor Burgos, impartirá unha conferencia no salón de Plenos sobre as características e morfoloxía das razas porcinas coexistentes na zona da Cañiza e outras razas de porco de gran singularidade no mundo. Ao rematar a charla, Burgos ofrecerá outra clase, neste caso de corte de xamón máis degustación na segunda planta do Concello.

O programa oficial continúa o xoves 11, esta vez ás 20.00 h. no Salón de Plenos coa presentación por parte do Alcalde da Cañiza dos proxectos municipais dinamizadores do sector xamoneiro. Miguel Domínguez estará acompañado polo enxeñeiro Francisco González Táboas e o arquitecto Lucas García Vázquez. Ambos presentarán o proxecto “Secadoiro Municipal de Xamón” e a IXP (Indicación Xeográfica Protexida).

Nen@s repartindo xamón
Nen@s repartindo xamón

O sábado 13 haberá actividades para os máis pequenos como a elaboración dun bocadillo de xamón e un obradoiro para fabricar pan e fornealo acompañados dos pais e o domingo 14, ás portas do día grande, unha máster class sobre corte de xamón con Víctor Burgos e sobre cata de viños co adegueiro Juan Gil Arjones. Ademais dos segredos da cata de viño aleccionará aos presentes sobre que viño escoller para acompañar ao xamón nas súas distintas variedades culinarias. Ambas actividades desenvolveranse na Rúa Oriente fronte á Casa do Concello.

E xa o 15 de agosto, luns, A Cañiza celebrará  o 50 aniversario da súa feira-festa do xamón. A xornada empeza ás 11.00 h da mañá na Carballeira do Cacharado coa 3ª Competición de cortadores profesionais de xamón, concurso organizado por Víctor Burgos e que este ano conta con máis de 25 cortadores. A esa mesma hora poñeranse á venda diferentes especialidades nas que o protagonista é o xamón: xamón serrano, empanada de xamón, tortilla de xamón, xamón cocido en viño e xamón asado. Este ano estará presente o Pan de Cea, convidado con stand propio.

A partir das 12 da mañá está previsto o desfile da comitiva do Xamón, encabezada polos centenarios cabezudos da Cañiza, alcalde e outras autoridades e polos típicos carros de bois galegos que transportan e exhiben os xamóns do lugar. Diante deles van nenos e nenas con bandexas de xamón para repartir entre os asistentes.

A partir das 13.00 h saúda de autoridades e benvida do alcalde da Cañiza. O discurso de 50 Aniversario correrá a cargo do cronista local Don José Luis Bacelar Fernández. A continuación entrega de premios dos concursos de Narración e Pintura e entrega de premios aos gañadores do concurso de cortadores de xamón.                                                                                                

A música correrá a cargo do grupo cañicense Folk “Os do Cruceiro”Charanga “Vai de Baile”, Grupo “Treboada Baixo Miño” e Grupo “O Fiadeiro de Vigo” que durante toda a xornada animarán as rúas e prazas da Cañiza.

Pola tarde os máis cativos poderán gozar dun espectáculo infantil na Praza Maior ás 19.15 h. e ás 20.30 h. o recinto exterior do Edificio Comarcal convertirase nun patio das xustas medievais a cargo do prestixioso grupo HÍPICA CELTA da Cañiza que representará o seu novo espectáculo de xustas medievais.

O remate desta magna celebración correrá a cargo das orquestras CHARLESTON e XACOBEO. 

Presentación da Feira-Festa do Xamón da Cañiza
Presentación da Feira-Festa do Xamón da Cañiza
Temas: FUXIDAS
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta