Nace Agasint para impulsar en Galicia o sector dos vehículos intelixentes non tripulados

Vinte empresas constitúen a Asociación Galega de Empresas de Sistemas Intelixentes non Tripulados.

Por Galicia Confidencial | Vigo | 12/09/2016 | Actualizada ás 13:39

Comparte esta noticia

Unha vintena de empresas que suman 400 traballadores veñen de constituír Agasint, a Asociación Galega de Empresas de Sistemas Intelixentes non Tripulados. Os seus obxectivos son servir de canle de interlocución e punto de encontro para os diferentes axentes do sector, fomentar o desenvolvemento do sector en Galicia e impulsar a investigación, mediante a colaboración entre empresas e centros de investigación.

O docente e investigador da Universidade de Vigo Pedro Arias
O docente e investigador da Universidade de Vigo Pedro Arias | Fonte: DUVI.

A partir de agora, Agasint dará entrada a outro tipo de entidades como universidades, centros tecnolóxicos ou administracións, que xa manifestaron o seu interese en formar parte deste organismo, que por decisión dos seus integrantes terá como primeiro presidente ao docente e investigador do departamento de Enxeñaría dos Recursos Naturais e Medio Ambiente da Universidade de Vigo Pedro Arias.

Aínda que os vehículos aéreos non tripulados ou drones son clave na orixe da asociación, nela inclúense tamén os vehículos terrestres e mariños non tripulados, o que constitúe unha gran novidade respecto doutras asociacións creadas noutros puntos de España, que engloban unicamente aos vehículos aéreos.

“Este é un sector moi dinámico e sometido a evolucións moi rápidas. Non só os drones, tamén todas as tecnoloxías relacionadas cos vehículos sen condutor, experimentan unha forte expansión en Galicia, grazas á existencia dun sector industrial consolidado, formado por empresas, universidades e centros tecnolóxicos”, explica Pedro Arias en relación co momento no que considera se atopa o sector dos sistemas intelixentes autónomos ou non tripulados. Precisamente, a existencia deste sector polo que a Xunta está a facer, segundo o presidente de Agasint, unha forte aposta e a ausencia dunha asociación que integrase aos axentes máis importantes do sector, foron en opinión de Arias, os dous factores determinantes á hora de crear esta agrupación.

O docente e investigador da Universidade de Vigo Pedro Arias considera unha honra ser presidente de Agasint e destaca a importancia de que un grupo de empresas apostasen por un perfil procedente da academia para dirixir a asociación. “É un reto moi importante do cal espero estar a altura, así como cumprir coas expectativas postas no meu nomeamento”, explica Arias, que lembra que na Universidade de Vigo existen grupos de investigación vencellados ao ámbito tecnolóxico cunha traxectoria consolidada neste sector. Non obstante, destaca que un dos puntos máis febles atópase na transferencia de coñecemento ao no existir sempre o contacto fluído necesario entre a universidade a empresa que sería desexable. “Desde Agasint esperamos contribuír a paliar esta situación”, agarda Arias, que considera que o tecido de centros tecnolóxicos existente ao carón da Universidade de Vigo, Cinae, CTAG, Gradiant, Aimen ou Cetmar “fan que a nosa universidade poida ser actor clave para articular sinerxías no sector”, explica en declaracións recollidas por Mª del Carmen Echevarría no DUVI.

Imaxe virtual dun dron mariño
Imaxe virtual dun dron mariño | Fonte: Uvigo.

Un dron voando.
Un dron voando.
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta