O Lugo dorme líder

O equipo lucense gaña 1-0 ao Valladolid e acada a terceira vitoria consecutiva para uparse ao liderado de Segunda. Joselu marcou de penalti nun primeiro tempo no que se erraron moitas ocasións e os de Luis César acabaron sufrindo. O sábado, visita a Almería.

Por gcdeportes | Lugo | 21/09/2016 | Actualizada ás 00:13

Comparte esta noticia

Ficha técnica
CD Lugo 1:
Xose Xoan; Jordi Calavera, Carlos Hernández, Ignasi Miquel, Manu; Fernando Seoane, Carlos Pita; Iriome (Brayan Perea, 71’), Campillo (Sergio Gil, 85’), Pedraza (Igor Martínez, 62’) e Joselu.
Real Valladolid 0: Isaac Becerra, Javi Moyano, Lichnovsky (Ángel, 46’), Rafa; Balbi, André Leão, Álex López, Míchel (Juan Villar, 81’), Mata (Guitián, 46’), Raúl de Tomás e Jose Arnáiz.
Gol: 1-0: Joselu, de penalti (minuto 18).
Árbitro: Cordero Vega (cántabro). Amarelas a Brayan Perea (73’) e Joselu (93’) nos lucenses e a Balbi (20’), André Leão (37’) e Rafa (67’) no Valladolid.
Incidencias: partido da 6ª xornada da Segunda División no estadio Anxo Carro ante 3.053 espectadores.

Joselu laiase dunha ocasión de gol desperdiciada.
Joselu laiase dunha ocasión de gol desperdiciada. | Fonte: lfp.es

Primeiros 45 minutos espectaculares para acabar sufrindo con 1-0 no marcador. O Lugo sumou contra o Valladolid a terceira vitoria consecutiva, que o colocan no liderado provisional da Segunda División con 12 puntos en seis xornadas. Joselu marcou de penalti no minuto 18, os lucenses erraron innumerábeis ocasións antes do lecer e o Valladolid puido empatar na recta final do partido, cando asediou a meta de Xose Xoan. Pero o Lugo acabou sumando tres puntos e segue invicto na Liga tras seis xornadas.

Luis César repetiu o once de Elx e xa no primeiro minuto puido marcar o Lugo, pero Iriome errou só no segundo pau tras un centro de Pedraza. O Lugo levaba a iniciativa, movendo o balón de banda a banda, e controlou o partido dende o comezo. Tras unha aproximación rival con perigo, o equipo lucense axiña atopou premio a súa maior convicción, cando Isaac Becerra non puido atallar un centro e Balbi derrubou a Iriome. Joselu marcou de penalti o seu quinto gol na Liga.

O Valladolid desapareceu co tanto encaixado, e o Lugo puido acadar unha goleada antes do descanso, pero Joselu e Pedraza desperdiciaron un par de ocasións claras cada un. A primeira ocasión visitante non chegou ata o minuto 42, cando Xose Xoan detivo un disparo de De Tomás.

O partido trocou trala reanudación. Paco Herrera deu entrada no descanso a Ángel e Guitián e o Lugo perdeu o control do encontro, que pasou a mans do Valladolid. Aínda así, os lucenses amosábanse seguros atrás e as ocasións rivais tadaron en chegar. No minuto 62, gol anulado a José Arnáiz por fóra de xogo; no 73, De Tomás, tras asistencia de Álex López, errou con Xose Xoan xa batido, e cos casteláns reclamando penalti do meta vigués.

Os xogadores lucenses celebran a vitoria que os coloca líderes virtuais de Segunda.
Os xogadores lucenses celebran a vitoria que os coloca líderes virtuais de Segunda. | Fonte: lfp.es

O Lugo comezou a acusar o cansazo. Igor Martínez entrou por un Pedraza tocado, e Brayan Perea e Sergio Gil por uns esgotados Iriome e Campillo, pero o Lugo acabou sufrindo coas acometidas rivais. No minuto 88, De Tomás disparou á trabe da portaría unha falta dende o bordo da área, e tamén Jose Arnáiz, xa no tempo engadido, rematou á reviravolta ao traveseiro.

Tralos tres empates iniciais, o Lugo de Luis César acadou xa tres vitorias consecutivas, e as tres deixando a portaría a cero. Suman xa 12 puntos os lucenses, que o sábado visitan o Almería.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta