“No Parlamento eu falarei en galego e en castelán”

Cristina Losada denuncia que en Galicia “separatistas e nacionalistas” intentaron eliminar o castelán. Nesta entrevista, a candidata de Ciudadanos recoñece que hai que protexer ao galego, pero tamén defende que cómpre defender o bilingüismo. No referido aos posíbeis pactos, advirte a Feijóo que Baltar non pode seguir ao fronte da Deputación de Ourense. Os motivos polos que desbotan un acordo coa esquerda, a loita contra o paro e a CRTVG son outros dos temas desta conversa.

Por Manuel Vilas | Santiago de Compostela | 22/09/2016 | Actualizada ás 14:05

Comparte esta noticia

Hai enquisas que dan 4 representantes a Ciudadanos, pero tamén hainas que os deixan fóra do Parlamento. Como as valora?

Rivera e Losada cos candidatos de Ciudadanos nas autonómicas
Rivera e Losada cos candidatos de Ciudadanos nas autonómicas | Fonte: EP

Eu leo e aprecio todas as enquisas pero tamén hai que recoñecer que nos últimos anos demostrouse que teñen unha capacidade limitada para adiantar os resultados. Respéctoas e está moi ben que haxa diferentes proxeccións, pero estou segura de imos entrar no Parlamento.

Falemos de pactos postelectorais. A postura de Ciudadanos pasa por negarse a negociar cunha hipotética coalición de esquerdas e asemade estar abertos a facilitar un goberno do PPdeG. Por que esta diferencia?

Non imos a negociar un goberno con partidos que queren romper o marco constitucional, con partidos nacionalistas e coas mareas,nas que tamén están integrados partidos nacionalistas, que defenden convocar un referendo separatista. Estamos abertos a negociar con outras forzas diferentes desas. Agora ben, o escenario máis previsible é que o PP sexa o máis votado, e nós estamos abertos a negociar un pacto de goberno con eles se somos decisivos para  a súa conformación. Queremos aproveitar a nosa influencia lograr melloras nos nosos ámbitos prioritarios, que son a economía, o fomento do emprego, a reversión dos recortes nos servizos públicos, sanidade e dependencia e en mellorar a calidade democrática das institucións. 

Miguel Tellado, responsábel de campaña do PP chegou a dicir que o candidato de Ciudadanos se chama Alberto Nuñez Feijóo, sacándolle punta a súa clara predisposición a facilitar que siga no goberno …

Cristina Losada diante da casa na que os seus avós tiñan unha pensión en San Clodio
Cristina Losada diante da casa na que os seus avós tiñan unha pensión en San Clodio

O PP o que debería facer é deixar de demostrar tanta preocupación por Ciudadanos. Entendo que están preocupados porque nos voten os seus votantes, por razóns obvias, como as promesas incumpridas, a mala xestión e a corrupción política. Eu ao PP vino moi preocupado con nós dende o principio, máis preocupado por Ciudadanos curiosamente que por outros partidos; malia que nós somos un partido moderado, de centro e constitucionalista. Isto é indicativo de que ao PP fáltalle un proxecto propio de defensa de Galicia.

Fala de mellorar a calidade democrática das institucións. Nesa hipotética negociación co PP, Ciudadanos pedirá a cabeza do presidente da Deputación de Ourense por estar imputado?

O PP debería ter pedido a José Manuel Baltar que se retirase dende o intre en que foi imputado por suborno pasivo e por esixir favores sexuais a cambio dun emprego público. Polas características mesmas desa sospeita, dende a imputación, o PP debería terlle pedido que se apartase. Como o PP non o fixo, como o señor Feijóo o consentiu, Ciudadanos vaino facer se é decisivo. Vaino esixir como o vai esixir no caso de calquera outro imputado por corrupción política. Ademais, cómpre considerar que o presidente da Deputación é o cargo máis importante de Galicia a nivel de confianza dos partidos políticos, na medida que non é designado polos Ciudadanos se non polo partido, foi o PP quen elixiu ao señor Baltar. Ademais, neste caso, dáse o agravante de que é o fillo do presidente anterior, polo que dá a sensación de que a presidencia da Deputación é un cargo hereditario.  

A corrupción preocupa, pero aínda preocupa máis á cidadanía o paro. Que propón Ciudadanos para combatelo en Galicia?

É certo que o emprego é o problema máis urxente. En Galicia e e en toda España temos un paro que está crónicamente por riba da media da Unión Europea, o que demostra que os grandes modelos económicos do PP e do PSOE fracasaron. A nivel autonómico non se pode facer reformas de ámbito global, pero si reformas que poden dar bos resultados. Por exemplo, das oficinas de emprego, para que deixen de ser meras oficinas de rexistros de parados. As oficinas deben ser un intermediario eficiente para as persoas que buscan emprego. Necesitamos tamén un reforma total dos plans e dos cheques de formación. O desempregado debe ser quen de elixir os cursos que o van capacitar. Dese xeito, vai evitar os obstáculos que ten agora, nun modelo moi ríxido. Ademais, queremos que se saiban os resultados que teñen os centros que imparten os cursos, para que o desempregado poida escoller. Evitarase así ademais as tramas de corrupción asociadas aos cursos de formación. 

Propoñemos ademais un plan de choque contra o paro de longa duración, personalizando a formación, adaptando a formación as capacidades de cada desempregado. Por último, propoñemos a creación dun plan de emprego verde, con investimentos en todo o que teña que ver coas enerxías renovábeis, o transporte, a eficiencia enerxética, a agricultura ecolóxica, etc. 

No referido a política lingüística, cal é o modelo que propón Ciudadanos?

Os modelos sobre o papel son unha cousa e logo a realidade pode ser outra. Cómpre mirar se hai cousas que están funcionando, sobre todo no ensino, que é onde está peor a situación. O noso é un modelo trilingüe, propoñémolo en todas as autonomías, tamén en Galicia. As clases deben ser no idioma oficial da autonomía, en español e nun idioma estranxeiro, que sería o inglés polo seu alcance global. Hai que lograr que o ensino en inglés funcione realmente, porque non está funcionando. Hai que ver onde están os erros para garantir que os mozos saen do ensino obrigatorio falando os tres idiomas. 

E á marxe do ensino?

A Administración debe ser bilingüe porque Galicia é unha comunidade bilingüe. Non hai porque pedirlle a Administración que conteste nun idioma ou noutro, a Administración xa debería responder no idioma no que se pregunte. Hai que eliminar ese trámite, como tantos outros trámites administrativos. As institucións deben ser bilingües. No Parlamento, eu falarei en galego e en castelán. Hai que aplicar o que se aplicou na transición, facer normal nas institucións o que é normal na rúa; a maioría dos galegos falamos, en distinta medida, as dúas linguas. 

Por exemplo, a súa política tería como consecuencia que a CRTVG non emitise só en galego, emitiría tamén castelán, non?

Iso teriámolo que valorar máis concretamente máis adiante. Certo é que a TVG é un medio público e hai que revisar como está funcionando pero a nosa idea de igualdade lingüística refírese máis as institucións públicas. 

Xa, pero ese cambio de política vai contra o principio básico de normalización lingüística, que apunta a que o galego -debido a discriminación histórica que sufriu- necesita de certas medidas de promoción para que a igualdade lingüística sexa real, especialmente en ámbitos como no administrativo no que estivo totalmente vetadol. Este é un principio asumido mesmo polo fraguismo; ,Ciudadanos está en contra?

O que eu propoño non elimina esa protección do galego. Cremos que hai que protexer o galego e hai que protexer o bilinguismo. O que estamos encontra e dos intentos e da vontade que houbo de eliminar un dos idiomas de Galicia. Estamos a favor da convivencia fluída dos dous porque xeralmente todos falamos, máis ou menos, os dous idiomas. Cremos que é unha mágoa, un erro, que se usara o idioma como arma política, como un instrumento para fins políticos nacionalistas e separatistas. Foi moi malo para o propio idioma, que non ten adscrición política. Os idiomas ossonn ferramentas comúns que evolucionan. Galicia é Galicia, forma parte de España e en España temos unha lingua común que falamos moitos galegos. 

Vostede é xornalista, cambia moito unha campaña electoral dende dentro respecto a como se narra dende fóra?

Eu nunca fixera cobertura dunha campaña electoral. A campaña supón unha concentración moi intensa de actividade que che permite coñecer moi de preto a sectores moi diversos. Hoxe, por exemplo, xa sabía que o campus de Lugo era referente de Veterinaria, pero puiden coñecer in situ como funciona a facultade. Nese sentido, a campaña  é algo moi intenso, pero tamén moi estimulante. 

E que prevé Cristina Losada para este domingo? 

Eu creo que Ciudadanos vai entrar no Parlamento de Galicia porque hai moita xente que está farta de políticos que incumpren as súas promesas e que cinco minutos antes das eleccións sacan os cheques regalo. A pé de rúa, eu noto esa esixencia en moita xente que ten diferentes graos de afinidade ideolóxica con Ciudadanos pero que sabe da necesidade urxente que temos de cambiar o xeito de facer política.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 10 comentarios

1 Españolistas dades noxo

Nada novo. "La lengua común" imposta a todos e o galego pra facer folklore. É o programa do PP só que nesta versión veñen ds cara.