Unha das concelleiras do PSOE de Ferrol pide que órganos superiores do partido decidan sobre a ruptura do goberno

Rosa Méndez, crítica con Sestayo, asegura que acatará a decisión do partido pero solicita dar a súa "versión de todo"

Ferrol | 27/09/2016 | Actualizada ás 19:18 por EUROPA PRESS

Comparte esta noticia

A concelleira de Zona Rural e Patrimonio Histórico de Ferrol, a socialista Rosa Méndez, decidiu "solicitar a arbitraxe dos órganos superiores do partido" para que se posicionen con respecto á decisión da executiva local de abandonar o goberno da cidade.

A edila argumentou esta petición por entender que o grupo municipal no que ela está incluída "é parte do problema" e, por iso, non pode "arbitrar de xeito obxectivo" ao respecto. Ademais, obxectou que hai "discrepancias" dentro do propio grupo ao respecto da continuidade no goberno.

"Entendo que ten que ser o Partido Socialista, en órganos superiores, o que se posicione con respecto ao que está a suceder,", recalcou Méndez, antes de considerar "moi grave" o acontecido e alertar de que "pode afectar á cidade" e aos proxectos que xa están en marcha.

"Non pode quedar en mans de tres persoas, as tres persoas do meu grupo que están a favor da ruptura, algo tan serio", abundou quen é unha das dúas persoas que non asistiu á reunión do grupo municipal no que se decidiu unanimemente formular á executiva local do PSOE a saída do goberno.

ACATAR A DECISIÓN

A concelleira de Zona Rural e Patrimonio Histórico de Ferrol asegurou que no seu caso acatará "a decisión do partido, que é o que ten que decidir", pero insistiu en que "é unha decisión demasiado importante e grave para ser tomada por tres persoas" dun grupo de cinco nunha reunión á que faltaron dous.

Así mesmo, cuestionou a lexitimidade da dirección local do partido para referendar esa medida cando o seu líder é o propio tenente de alcalde, Beatriz Sestayo.

É por iso que volveu expresar o seu desexo de que outras instancias do partido analicen o caso e "escoiten a todas as partes", pois ela quere dar a súa "versión de todo". A partir de aí, asegurou que acatará o que indique o partido e, así, non se pasará ao grupo mixto para seguir no goberno local.

APOIO Á OUTRA CONCELLEIRA DO PSOE

Finalmente, mostrou o seu apoio á outra edila crítica con Sestayo, María Fernández Lemos, a quen a dirixente local tratou de deixar sen competencias a pasada semana, en plena campaña.

"Penso que é a primeira vez que acontece na historia do PSOE", criticou, antes de defender que Fernández Lemos "fai realmente ben o seu traballo como concelleira de Urbanismo".

Algún erro? Nota editorial
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta