A crise socialista tensa aínda máis as relacións entre PSdeG e as mareas

Luís Villares critica o PSOE por "facilitar" a idea de "ingobernabilidade" nos concellos das mareas e mete presión ao sector crítico do PSdeG que quere facerse co control do partido e reformular as relacións con estas, tras impoñerse no Comité Federal socialista en Madrid.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 03/10/2016 | Actualizada ás 08:00

Comparte esta noticia

Durante a campaña electoral houbo pacto de non agresión, pero pasados os comicios as tensións entre o PSdeG, por un lado, e En Marea as mareas municipalistas, polo outro, volveron saír á luz. O 'sorpasso' de En Marea en número de votos e o empate en escanos no Parlamento galego —ambos os dous partidos teñen 14—, xunto coa crise que atravesa o PSOE, precipitaron nos últimos días accións e declaracións que contribúen a aumentar a tensión entre ambas as partes. No PSdeG, os críticos vense agora fortes para impoñer as súas teses e facerse co control do partido, tras derrocar a Pedro Sánchez en Madrid, e xa deseñan a súa estratexia para reformular as relacións coas mareas. Mentres, En Marea e as súas expresións municipalistas sacan músculo tras converterse na segunda forza política de Galicia e aproveitan ademais a debilidade actual dos socialistas, por mor do cisma que viven, para impoñer os seus criterios.

Beatriz Sestayo con Jorge Suárez
Beatriz Sestayo con Jorge Suárez | Fonte: www.1zip.ru

FERROL, EPICENTRO DA DISPUTA

Todo comezou xusto o día despois das eleccións galegas, cando o alcalde de Ferrol, Jorge Suárez, de Ferrol en Común, decidiu retirarlle competencias a varios edís do PSdeG —socio de goberno—, incluída a súa líder, Beatriz Sestayo. Segundo o rexedor ferrolán, a decisión tomouna ante "a falta de comunicación" con Sestayo e os outros edís afíns a ela, e asegurou que son diferenzas "máis persoais que políticas". Con todo, a ninguén se lle escapou que a decisión fose aplicada o día despois dos comicios, cun PSdeG deprimido e unha En Marea sacando músculo ante os socialistas. Isto levou irremediablemente á ruptura do pacto de goberno nesta cidade e ao primeiro gran fracaso das alianzas entre mareas e socialistas.

Precisamente, Sestayo pertence ao sector socialista crítico con Pedro Sánchez, en Madrid, e con Pilar Cancela, en Galicia, e conta co apoio incondicional do alcalde de Vigo, Abel Caballero, un dos promotores da rebelión en Galicia contra a que era até este pasado sábado a dirección do PSOE e a xestora do PSdeG. Por iso, Caballero non tardou en saír en defensa de Sestayo e atacar a Jorge Suárez. O líder vigués, ex-ministro con Felipe González, mantén unha posición moi dura coas mareas, dende a comodidade que lle dá a maiorìa absoluta coa que goberna en Vigo. Pero non é o único que nestes días se pronunciou abertamente contra o alcalde de Ferrol e contra as mareas municipalistas. Na Coruña, por exemplo, Mar Barcón, secretaria local do PSdeG na cidade herculina, aproveitou a crise de goberno en Ferrol para instar á dirección do PSdeG a "convocar" aos grupos municipais socialistas das tres grandes cidades da provincia "para repensar a relación con Marea Atlántica, Ferrol en Común e Compostela Aberta". Barcón tamén pertence ao sector crítico do PSdeG que agora quere tomar o control do partido en Galicia tras derrocar en Madrid a Sánchez. A líder local do PSdeG na Coruña votou contra os plans de Sánchez no Comité Federal, desoíndo o mandato das agrupacións municipais socialistas da provincia coruñesa, que ao igual que as de Lugo, pediron o apoio ao xa ex-secretario xeral do PSOE.

A división no PSdeG é máis que evidente, non só no que respecta á decisión do Comité Federal en Madrid e ao control do partido en Galicia, senón tamén no que atinxe ás relacións coas mareas. Así, por exemplo, contra o que propoñen os críticos, a executiva do PSOE na provincia da Coruña propuxo esta semana "recompoñer" a situación do grupo municipal socialista en Ferrol, actualmente dividido entre afíns e críticos coa líder local, Beatriz Sestayo, para, a continuación, explorar se existen opcións de manter o pacto de goberno con Ferrol en Común.

Luís Villares
Luís Villares | Fonte: Europa Press.

REFORMULAR AS RELACIÓNS COAS MAREAS

O sector socialista díscolo está liderado por Abel Caballero, Pachi Vázquez e José Blanco, e nel aparecen nomes como os de Méndez Romeu, Xosé Sánchez Bugallo, María Quintas, José López Orozco, Marisol Soneira, a propia Beatriz Sestayo, Laura Seara ou Bernardino Rama, entre outros. Tras a votación do Comité Federal en Madrid que acabou coa dimisión de Pedro Sánchez, agora vense fortes para botar a Pilar Cancela da xestora que actualmente dirixe o PSdeG. Cancela foi a única dos representantes galegos no Comité Federal socialista que apoiou a Sánchez. Os demais, e malia o mandato dado polas agrupacións socialistas, votaron contra as propostas do xa ex-secretario xeral do PSOE.

Unha vez acadado o control sobre o PSdeG, a súa intención é seguir os consellos dos dirixentes socialistas da Coruña, Ferrol e Santiago para modificar a relación que existe coas mareas e endurecer o discurso contra estas, sobre todo, tras a crise no executivo de Ferrol. Unha situación que pode levar mesmo a presentar mocións de censura en determinados concellos nos que actualmente goberna algunha marea municipalista.

VILLARES METE PRESIÓN

Mentres, do lado de En Marea, vense cada vez máis fortes fronte a un PSOE debilitado, roto e cun futuro incerto. Por iso, non dubidan en amosar músculo ante os socialistas, como fixo primeiro o alcalde de Ferrol e agora, tamén, Luís Villares, o candidato de En Marea á Presidencia da Xunta e líder da oposición para os próximos catro anos no Parlamento galego. 

Aproveitando o cisma socialista, Villares denunciou que o PSdeG "se sitúa na tesitura de facilitar, senón por acción, por omisión, a sensación de ingobernabilidade" dos gobernos das mareas, despois do "mandato claro" de "desaloxar ao PP" que, ao seu xuízo, se expresou nas urnas nas municipais. E é que o líder de En Marea entende que é "posible" establecer "puntos de encontro" para a gobernabilidade do país e das cidades, como xa demostraron as mareas, recalcou, durante o último ano e medio.

Por iso, nunha  entrevista en RNE, solicitou aos socialistas —só un día despois da dimisión de Pedro Sánchez como secretario xeral e da creación dunha xestora encabezada polo presidente de Asturias, Javier Fernández— que sexan "responsables", pois entende que, pola contra, cando cheguen as próximas eleccións municipais "a cidadanía porá a cada un no seu sitio".

Neste sentido, subliñou que os que teñen o poder agora no seo do PSOE apostan por unha vía que En Marea xa denunciou en campaña. "Nós garantimos o fin das políticas de sufrimento, recortes e corrupción do PP", salientou Villares, quen asegurou que "non todo o mundo estaba en disposición de dicir o mesmo con toda a claridade", antes e agora. Segundo o líder de En Marea, e ante o que está acontecendo no PSOE e no PSdeG, agora xa saben que o dito nese momento por En Marea "ten máis sentido que nunca".

"Hai unha corrente no PSdeG que eu espero que sexa minoritaria e que non triunfe, que é a que entende que é bo acabar cos gobernos das mareas, cos gobernos de progreso", denunciou, para logo opinar que se trataría dunha "funesta idea" que "acabaría co PSOE" como "referencia" do espazo que, ao seu xuízo, lle poida quedar na esquerda.

Así mesmo, advertiu de que "En Marea chegou para quedarse" e non teme que ningún deputado se vaia ao grupo mixto, como si sucedeu na lexislatura pasada con parlamentarias de AGE.

Con todo, en En Marea non queren contemplar un escenario de total ruptura cos socialistas, pois saben que, aínda que débiles, seguen sendo socios necesarios tanto para plantar cara a Feijóo no Parlamento galego como para gobernar nalgúns concellos nos próximos anos. Por iso, o alcalde de Ferrol recomendou ao seu homólogo da Coruña, Xulio Ferreiro, integrar o PSOE no seu goberno, iso si, advertíndolle que "aínda que remate en duro sufrimento e retorcéndose de dor"

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 8 comentarios

4 Melena al viento

Moi ben por Villares saendo como bo valedor dos dous alcaldes e medio que o puxeron a dedo contra estas acusacións de que gobernan mal cando todo o mundo pode ver o magnífico que gobernan. Xuíz rebelde sempre contra as inxustizas!

3 Manuc

Os da Marea andan rateando catro votos do Psoe e o PP a esc.rallarse da risa. Menudo fracaso de partido no que o único que se salva son os 2 deputados de Anova. O resto ch.tarra. Algunha nin galego sabe falar. Menudo partido galeguista onde de 14, 10 pertencen a Unidos Podemos. 10 nin máis nin menos.

2 n5ps

Mellor se levan na Deputación de Pontevedra o BNG e o PSOE. Unha entente entre a UPG de Cesáreo Mosquera coa Presidenta (pro-Susana Díaz, pro-Felipe González e muller de confianza de Abel Caballero), Carmela Silva. Mais esto non é colaborar co "españolismo" porque o partido de Ana Pontón —a que tanto gosta en La Voz de Galicia— está por riba do ben e do mal.

1 Loisin

Sabes unha cousa homiño... Que se o BNG tivera maioria absoluta non pactaría con PSOE ... Y lo sabes! No Concello de Pontevedra non pacta co PSOE por exemplo. O que me pregunto eu é porque a Marea non pacta con BNG en Pontevedra. O que me pregunto é por qué coinciden tantas veces PP e Marea en Pontevedra. Outra pregunta... Se o Bloque non pacta con PSOE na Deputacion gobernaría o PP. Eso é o que preferides os pulcros e puristas da Marea? A resposta é si. Xa o fixestedes no Estado ao non apoiar ao PSOE e agora temos PP para rato. Podemos e Marea sodes o fracaso da esquerda. Cando puidéstedes non botastes ao PP.

2 Nefelibata

Non quere que lle expliques nada, só quere espallar a súa" verdade" e facer que a realidade se acomode a esta... Se tan enfadados están é porque aínda non acabaron co bloque... Nós a traballar, día a día porque somos dos que loitamos todos os días e non dos que nos dedicamos a "guerras dixitais" de desprestixio. Dámos argumentos, non espallamos prexuízos e tópicos; pero sobre todo non nos confundimos de "rival" político. Non somos coma eles, amosémolo non entrándolles ao trapo. Por certo, é que di Beiras?

1 Xccc

O que lle ía dar o sorpasso ao PP e ía sacar sobre 40 deputados. Vaia bluff o Villares. Prefiro mil veces a Pontón, Beiras, Leiceaga. A este home non hai por onde collelo

1 Nefelibata

Xa... Pero... A estas alturas xa non serven lamentos. E evidente que cómpre manter a alternativa nas cidades gobernadas polas Mareas. De feito, o BNG, ben criticado nalgunha delas por certos mareantes anda a isto: a axudarlles. Porque os votantes do bloque nunca nos confundimos de rival político, evitamos os infantilismos esquerdistas e estamos no traballo do día a día que é o que cambia o mundo. Acórdate, se así o desexas e cres conveniente, nas próximas eleccións e deixa xa os lamentos. Xa non é hora de lamentos compañeiro, senón de traballar arreo e tentar organizar unha alternativa progresista.

2 Nefelibata

Por certo, e por onde anda Beiras? Non vai dar ningunha declaración? El pode facer moito para que o nacionalismo se volva a unir e poda axudar, dende a súa unión, a artellar maiorías de cambio. Deixemos atrás os vellos rancores e o cainismo: empezou a hora de cambiar Galiza. Si ao cambio, si á unión.