Pilar Cancela non dimite e esixe o mesmo “respecto” e “lealdade” para a xestora do PSdeG que para a federal

Avala a Leiceaga, cuxa "lexitimidade non pode ser cuestionada" tras gañar unhas primarias.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 03/10/2016 | Actualizada ás 20:21

Comparte esta noticia

A presidenta da xestora do PSdeG, Pilar Cancela, descartou novamente este luns poñer o seu cargo a disposición do partido e esixiu o mesmo "respecto" e a mesma "lealdade" para o órgano que encabeza que para o recén constituído a nivel federal, pois ten a mesma "lexitimidade" que o liderado polo asturiano Javier Fernández.

Pilar Cancela, número dous do PSdeG
Pilar Cancela, número dous do PSdeG | Fonte: psdeg-psoe.org

En rolda de prensa tras reunirse co resto de integrantes da dirección provisional do PSdeG, non só rexeitou dimitir, senón que, ademais, revelou que na negociación para constituír a xestora federal, na que -asegurou- estivo presente, acordouse "respectar" todas as existentes noutros puntos do territorio.

Trátase, segundo as súas propias palabras, de ser "coherentes" coa mensaxe "de unidade, a sumar e de non incidir máis na división e na fractura". "É a única saída para facer máis forte este partido", esgrimiu a tamén deputada no Congreso.

Así pois, ante as peticións de dimisión de, entre outros cargos, o alcalde de Vigo, Cancela recalcou que seguirá no seu posto para cumprir o mandato que ten encomendado: convocar unhas primarias e un congreso para elixir a nova dirección do PSdeG. "É a función principal desta xestora e estamos dispostos a cumprila", resolveu.

É máis, avanzou que nos próximos días solicitará unha reunión co presidente da xestora federal para abordar as cuestións pendentes en Galicia e coñecer a súa folla de ruta para o PSOE; e que, nesta semana, aproveitará para convocar os 14 deputados electos polo PSdeG para "empezar a traballar".

"EN ABSOLUTO" CUESTIONADA

A preguntas dos xornalistas sobre as voces internas que piden a súa dimisión, manifestou que "en absoluto" se sente "cuestionada".

A xeito de reivindicación do seu traballo, recordou que accedeu ao cargo "nun momento tremendamente difícil e duro", a raíz da dimisión de José Ramón Gómez Besteiro, e cunhas eleccións autonómicas en pendes. Naquel momento, proseguiu, "chamouse a participar a absolutamente todo o mundo", pero algúns optaron por non se sumar.

Tras esta alusión á agrupación de Vigo, a maioritaria en Galicia, censurou que "nalgúns casos, dende o primeiro momento se cuestionou e se debilitou a xestora".

Sen deixar de reclamar "a mesma lealdade" co órgano que preside que co comandado por Javier Fernández, Pilar Cancela aseverou que a xestora do PSdeG "está a disposición de todos" para conducir o partido ata as primarias e o congreso dos que sairá un novo líder e unha nova dirección política.

"ACOSTUMADA" A CABALLERO

Cuestionada acerca das críticas de Abel Caballero, limitouse a expresar o seu "respecto cara ás opinións de todos os militantes" tras 'chancear' con que xa está "acostumada" ás súas reaccións.

"Dende o primeiro momento que foi elixida a xestora, houbo peticións constantes de dimisións", minimizou así o seu impacto, pero, partidaria da "responsabilidade", insistiu en que ela cumprirá co mandato que ten atribuído.

Iso si, saíu ao paso das críticas que o rexedor olívico verqueu sobre o candidato á Xunta, Xoaquín Fernández Leiceaga, para recordarlle que foi a opción que "maioritariamente" avalou a militancia nas primarias.

Polo tanto, advertiu Cancela, "a súa lexitimidade non pode ser cuestionada", máxime cando no PSdeG persiste -apuntou- "a mesma correlación de forzas, ou mesmo maior" no seu favor que cando venceu a José Luis Méndez Romeu, a opción avalada por Caballero.

"Non incidamos máis nas divisións", apelou, antes de enviar á militancia unha mensaxe de "unidade" e de "tranquilidade". "Pasamos situacións complexas, e desta tamén sairemos", concluíu.

POSICIÓN NO COMITÉ FEDERAL

Finalmente, os xornalistas preguntaron a Cancela sobre a súa situación orgánica, á vista de que foi a única integrante da delegación galega no Comité Federal do PSOE do pasado sábado que apoiou o exsecretario xeral.

"Eu entendo que, nun órgano de participación do partido en representación do PSdeG, debo representar a opción maioritaria do partido. Pero é unha opción persoal de cada un", subliñou, en relación aos escritos "dun 80 por cento" das agrupacións da Coruña e Lugo e "dunha porcentaxe relevante" das ourensanas e pontevedresas en favor do calendario proposto por Pedro Sánchez.

"Pero cada un pode defender nos órganos do partido o que considere, eu respéctoo", reiterou a presidenta da xestora, para quen a súa postura está en liña con sentir "maioritario" das bases do PSdeG.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta